APROBADA A CONCESIÓN DE PORTOS AO CONCELLO DE CEDEIRA PARA FACER O “CENTRO MUNICIPAL DO REMO”
Portos de Galicia acaba de comunicar ao Concello de Cedeira a concesión administrativa que lle permitirá levantar unha nave de servizos náuticos na zona próxima ao peirao vello. Denominarase “Centro Municipal do Remo” e o proxecto do goberno local, dacordo co Club de Remo, é convertilo no futuro nun Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) no que poidan prepararse deportistas de alto nivel, segundo a consideración da Xunta de Galicia. O orzamento ascende a 402.168,39€ (con IVE incluído) e o Concello acaba de solicitar unha axuda que podería chegar a financiar o 50%, ao abeiro da convocatoria do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local.
O Centro Municipal do Remo terá 400 metros de planta e unha zona de servizos arredor, co que vai chegar a ocupar 468 metros cadrados de superficie. Está previsto que no lado oeste se instale unha zona cuberta. A maior parte da nave estará reservada ao almacenamento de embarcacións, porén haberá tamén 24 metros cadrados para vestiarios e 120 para un ximnasio. O orzamento da construción é de 312.612,50€. A concesión que acaba de confirmar Portos de Galicia terá unha vixencia de 20 anos, prorrogables en outros 10. E o prazo de execución previsto, unha vez que o Concello complete o proceso de licitación e contratación das obras, é de catro meses.
O Concello de Cedeira defende o seu proxecto, para a obtención da axuda do Fondo de Cooperació Local, na pegada do deporte no municipio: a localidade ten un dos 150 deportistas olímpicos de Galicia e desde 1989 foron máis de 10 os cedeireses e cedeiresas que teñen pasado polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva en remo, natación e triatlón. Actualmente hai 5 cedeireses recoñecidos polo estatal Consello Superior de Deportes como de Alto Nivel e 6 están recoñecidos como DGAN e 2 como DAR pola Xunta de Galicia.
Concretamente no remo, do club local teñen estado 7 deportistas como becarios no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, tamén 7 participaron desde 1991 en campionatos do mundo coa selección española, en categoría júnior, sub23 ou absoluta. O local Jacobo Suárez Vilela foi un dos 18 remeiros galegos que participaron nuns Xogos Olímpicos, e actualmente as deportistas de alto nivel Raquel Roríguez e Candela Pernas están na Selección Española, mentres que Leire Hermida está no proxecto Brisbane 2032 da Federación Española e Marcos Casal na júnior de Beach Sprint.
A intención do Concello de Cedeira, co novo Centro Municipal de Remo é reforzar a imaxe do municipio como lugar para a práctica de actividades deportivas, e náuticas, crear oportunidades de difersificación económica e potenciar tamén o turismo deportivo, por medio da organización de estadías de adestramento de grupos en procesos de especialización deportiva e, ao tempo, a organización de competicións deportivas oficiais.
O proxecto presentado polo Concello á Xunta de Galicia, para solicitar a axuda, vai cunha carta de apoio da Federación Galega de Remo na que defende o grande interese de levar adiante este Centro Municipal de Remo.