CEDEIRA ACOLLERÁ UN CONCERTO DE ANXO ARAUJO, NO MARCO DA FESTA DA MÚSICA DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL
Cedeira é un dos 13 concellos da provincia que vai acoller un dos concertos da Festa da Música, o programa impulsado pola Deputación Provincial da Coruña para conmemorar o Día Europeo da Música. A praza de Floreal acollerá a cita, que será o martes 23 de xuño a partir das 21.00h, e que terá como protagonista a Anxo Araujo, unha das figuras emerxentes no panorama pop e indie galego.
Anxo Araujo ten tres traballos discográficos no mercado. “Plan de urbanismo para un novo couto mixto” é o orixinal título do primeiro, que viu a luz en 2021; seguiuno “Aprender a bailar”, en 2024, considerado pola crítica especializada como un dos mellores discos galegos dos últimos anos, cun estilo luminoso e indie pop cuxo son ten sido comparado co de bandas internacionais como Vampire Weekend ou Crystal Fighters. O pasado ano sacou un EP con dous temas, “Viva a costa alentexana”, no que volve apostar polo seu pop de ritmos latinos de corte elegante e íntimo.
O concerto será ao aire libre e de balde para todo o público que queira asistir. Coa Festa da Música, a Deputación da Coruña aposta pola creación musical galega e pola descentralización da oferta cultural.