O CONCELLO DE CEDEIRA TRAMITA UNHA AXUDA PARA COFINANCIAR O ARRANXO DO CAMIÑO DO BECO
O Concello de Cedeira solicitou unha axuda ao abeiro da convocatoria aberta recentemente pola Xunta de Galicia para cofinanciar as obras de arranxo do Camiño do Beco, que conecta a avenida Castelao co vial que vai ao Lugar Peneiro. A actuación está orzamentada en 106.259,56€ (IVE incluído).
O proxecto detalla a actuación, que vai afectar a dous tramos da pista, un de 269 metros de percorrido e outro de 246, ambos os dous nun estado de grave deterioro e con moitas fochancas. As obras consistirán en renovar a capa de asfalto para o tráfico rodado, habilitando un sistema de drenaxe que garanta unha maior durabilidade da calzada e construíndo unha senda peonil de 1,20m, a ras da estrada, en parte do percorrido.
Dentro do mesmo proxecto está previsto o arranxo doutro vial, o que dá acceso á praza de San Roque, situada entre as rúas Amor Hermoso e o Camiño Pitilleira, para evitar que se agrave o seu grao de deterioro. É un tramo de 26 metros no que se levará a cabo a renovación da superficie asfáltica.