Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA DE 11 CAMIÑOS QUE SUMAN PRETO DE 4KM DE PERCORRIDO

O Concello de Cedeira adxudicou por 135.520€ a obra de mellora de pavimentación de once camiños municipais que suman preto de catro quilómetros de percorrido e que están situados en diferentes parroquias da zona rural. A empresa adxudicataria ten un prazo de cinco meses para completar a actuación, que consistirá na renovación do tratamento superficial, a limpeza das marxes e adecuación de cunetas e drenaxe da auga.

É esta unha actuación que o Concello de Cedeira aborda con financiación do POS+2025 e que se enmarca no programa continuado de mantemento das pistas de titularidade municipal. Os camiños nos que se vai actuar desta volta son os 799 e 795, que van de Cimadevila á DP 2202; o 634 da Riba; o 669 de Penadaguía-Fragoso-DP 2202; o 676 de Fragoso; o 576 de Penadaguía; o 96 do Beco; o 86 da rúa Floreal; o 163 do Lugar Agrochao a San Cosme de Piñeiro; o 147 do Lugar Agrochao e o 192 de Esteiro ao Camiño Real da Madalena. Son viais de diferente lonxitude, desde os 35 metros do máis curto ata os 810 do máis longo, o que vai de Esteiro ao Camiño Real, e tamén con diferentes anchos, de 2,6 a 4,50m.

O proxecto concreta os traballos que se van acometer en cada caso, en función do estado de cada camiño e a intensidade do tránsito rodado, sempre coa finalidade de mellorar a seguridade da circulación e garantir a durabilidade das solucións adoptadas. O prazo de execución do contrato será de cinco meses.

Entre os anos 2024 e 2025, o Concello de Cedeira investiu máis de 687.000€ no arranxo de 25 camiños de titularidade municipal e a mellora de seis rúas do casco urbano.

Back to top