O CONCELLO ADXUDICA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE ADESTRAMENTO DEPORTIVO ESPECIALIZADO
O Concello de Cedeira acaba de adxudicar, por 671.550€ (IVE incluído), a construción do Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE), que configurará un espazo único dentro da comarca para o desenvolvemento deportivo de alto rendemento. O CADE levantarase nunha parcela de titularidade municipal, ata o momento baleira, situada xunto ao Polideportivo e o campo de fútbol do Beco. O prazo de execución, que de partida era dun ano, quedou reducido segundo a oferta da empresa adxudicataria a sete meses.
O Concello xestionou no seu momento unha axuda de 344.899,75€ do Fondo Adicional de Cooperación Local, que cubre a metade do investimento, e aportará de fondos propios o outro 50%. O CADE ocupará un edificio de pranta rectangular, con cuberta a dúas augas, que constará de planta baixa, primeiro e un baixocuberta, con 182, 196 e 117 metros cadrados de superficie útil respectivamente. No baixo haberá unha zona de vestíbulo e recepción, así como un espazo de adestramento e aseos e vestiarios adaptados. O primeiro piso albergará outra zona de adestramento, vestiarios, unha sauna e sala de musculación. O baixo cuberta empregarase como almacén.
O CADE contará con máquinas e equipamentos específicos para o adestramento de alto nivel en remo e triatlón, dous disciplinas nas que Cedeira conta con destacados e destacadas deportistas que están a despuntar en competicións nacionais e mesmo internacionais. Ofrecer máis e mellores recursos na propia vila vai servir para impulsar, neste eido, o talento local.
O goberno local de Cedeira mantén desde hai anos unha política decidida de apoio ao deporte, que se ten materializado xa en numerosos investimentos. Hai poucos días publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación da obra de ampliación da piscina municipal e entre as xestións máis recentes hai que sinalar tamén a solicitude presentada a Portos de Galicia para ter a concesión demanial que permitirá levantar una nave de servizos para actividades náuticas. O Concello ten xa o proxecto técnico desta actuación, orzamentada en 312.612€.