O PSICÓLOGO ALBERTO SOLER FALA O DOMINGO EN CEDEIRA DOS EFECTOS DOS MÓBILES NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA
O psicólogo Alberto Soler, prestixioso divulgador de cuestións sobre familia e educación, estará en Cedeira o domingo, día 12 de abril, para ofrecer a charla “Pantallas, redes e móbiles na infancia e na adolescencia”. A conferencia será no Auditorio Municipal, ás 11.30h, e para asistir é precisa a inscrición previa a través do número de teléfono 673 223 415 ou ben enviando un mail a lucia.picos@cedeira.gal.
A Concellería de Igualdade promoveu esta charla arredor dunha cuestión que preocupa moito a pais e nais, coa intención de ofrecer ás familias ferramentas prácticas coas que xestionar o uso que os menores fan das novas tecnoloxías. Desde o departamento municipal constatouse, a través dunha sinxela sondaxe realizada entre o profesorado dos centros educativos do municipio, o CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira, que o uso das pantallas está a incidir no compartamento do alumnado e na convivencia no ámbito educativo. Coa finalidade de facilitar a asistencia de pais e nais, funcionará durante a charla un servicio de conciliación, desde as 11.00h no parque de xogos Divertilandia de Cedeira.
Alberto Soler Sarrió é licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Valencia, Máster en Psicoloxía Clínica e da Saúde e especialista en Psocoterapia polo Comité Europeo de Acreditación de EuroPsy. Desde 2025 divulga cuestións sobre o crecemento persoal e a crianza a través do seu videoblog “Píldoras de Psicoloxía”, é colaborador do programa Ser Saludable, na Cadena Ser, e habitual doutros medios de comunicación. Tamén é co-autor do libro “Hijos y padres felices. Cómo disfrutar la crianza”, editado por Kailas.