O SEXTO PROCESO DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA RECIBE O APOIO ECONÓMICO DA FEMP
O Concello de Cedeira é beneficiario dunha axuda de 8.000€ da convocatoria “Proxectos Xuventude 2025/2026” da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). É unha das 30 localidades de todo o Estado que recibiu este apoio, establecido pola Comisión de Mocidade e Infancia da FEMP, a través dun convenio co Injuve, co obxectivo de impulsar a mellora dos servizos destinados á poboación infantil e xuvenil. Financiáronse proxectos que tivesen como finalidade “a xeración de novas fórmulas de participación, promover unha cidadanía activa e mellorar as capacidades das persoas mozas para poñer en marcha actividades e proxectos do seu interese”, executados entre o 1 de xullo de 2025 ao 30 de xuño de 2026.
Así, o Concello de Cedeira poderá financiar o custes da formación e da campaña divulgativa da sexta edición dos Orzamentos Participativos Escolares que se está a desenvolver actualmente e na que participan este ano todos os cursos de ESO, Bacharelato e o CM de Mantemento Electromecánico do IES Punta Candieira, así como o plantel docente. Durante o mes de marzo recolléronse un total de 116 proxectos -109 do alumnado e 7 do profesorado-, que agora terán que ser evaluados polo personal municipal para comprobar a súa viabilidade antes de someterse ao criterio da asemblea.
Entre ditas propostas hainas sobre mobilidade -carril bici, melloras de accesibilidade nas praias e no casco vello-; sobre benestar animal -un parque canino con xogos, un reguxio ou a axuda a asociación ABAC-; deporte e turismo activo -creación dunha zona de arborismo e xogos de equilibrio entre as árbores, actividades de turismo activo, rocódromo ou búlder; melloras no bowl, unha piscina ao aire libre ou a instalación de porterías e canastras, entre outras propostas-; medioambiente e rexeneración urbana -máis zonas verdes, limpezas de praias, estudos sobre as especies invasoras…-; memoria histórica -unha ruta sobre a memoria histórica ou un programa de recuperación de vellos oficios; sociais -un programa de dixitalización para persoas maiores-; ocio e cultura -escola de teatro, actividades festivas, reapertura do Centro de Ocio Xuvenil e discoteca para menores, entre outras-.
O departamento de Mocidade e Ensino do Concello de Cedeira está a analizar as propostas co gallo de incorporar á asemblea, nas que se votará para elixir as que van ao pleno, aquelas que sexan competencia municipal e sexan factibles técnica e economicamente dentro da contía de 20.000 € (cifra destinada a debate). Este ano teñen prioridade as temáticas de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Saúde e Benestar e Patrimonio Cultural e Memoria democrática.
A asemblea está prevista para o 21 de maio na Biblioteca do centro. Habilitarase unha urna durante unha semana de votacións para facilitar a participación de todas as aulas, profesorado e persoal do IES. No mes de abril publicaranse as propostas presentadas, indicando se son viables ou non e as causas, xunto coa súa contía.