Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO DE 2026, QUE SUBE PRETO DUN 11% RESPECTO AO EXERCICIO ANTERIOR

O pleno da corporación municipal de Cedeira aprobou onte, en sesión ordinaria e cos votos dos grupos de goberno, os orzamentos municipais do presente 2026. O Concello xestionará neste exercicio 7.628.874,31€, unha cantidade preto dun 11% superior á do ano pasado, destinando a investimento 830.431,49€, case un 80% máis que en 2025. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliñou na sesión plenaria que o crecemento do presuposto se debe ao dato da liquidación do exercicio 2025, cun resultado en positivo de 1.045.717,29€, e puxo en valor a senda de estabilidade orzamentaria e cumprimento das obrigas económicas que mantén actualmente a administración local de Cedeira.

Moreda Gil explicou que as contas municipais están saneadas e que a débeda se reduciu, non pola vía do incremento dos impostos á cidadanía, senón como consecuencia dunha boa xestión. Apuntou que os ingresos procedentes de impostos directos mesmo se recortou, fronte ao incremento do recadado polo ICIO (o imposto sobre as obras e construccións), que aumentou significativamente, dos apenas 71.000 de 2024 a más de 147.000€ en 2025.

A positiva situación económica permite destinar os citados 830.000€ a investimentos, entre os que cómpre destacar as partidas reservadas para mellorar as infraestrutruras deportivas -entre elas, a ampliación da piscina municipal-, as actuacións en parques e xardíns e o arranxo de camiños municipais. A cantidade que o Concello de Cedeira vai aplicar a investimentos reais este ano incrementarase, non obstante, con outros 474.000€ que virán do Plan Complementario do POS da Deputación da Coruña e que se vai resolver en poucos meses.

Tamén incidiu o alcalde en que o orzamento vai permitir acometer novos investimentos que se presenten ao longo do exercicio, concretamente fixo referencia ás obras de reparación do pavimento no casco vello. Nestas datas se van a facer uns traballos de reparación puntuais, pero está pendente que o Centro Tecnolóxico do Granito presente o informe definitivo para afrontar unha intervención de maior alcance e que garanta a durabilidade do chan.

O Concello de Cedeira destinará este ano 269.800€ a subvencións do tecido asociativo, no que destacan os 120.000€ reservados para unha nova convocatoria, polo sistema de concorrencia competitiva, das axudas para as asociacións do eido cultural, por un lado, e os clubs deportivos, por outra. O mesmo sistema seguirán as axudas para as comisións de festas, que pasan de 4.000 a 8.000€. Anóvanse os convenios nominativos con Protección Civil, Cruz Vermella, Apader, ABAC, asociación Pica Peixe, O Beco, A Crina, Mares de Cedeira, Arce (incrementada en 1.000€) e Banda de Música de Cedeira, así como a aportación para a Escola de Música Vila de Cedeira, á que este ano lle corresponden 34.500€ porque se completa a concesión de catro anos e haberá que volver a convocar o proceso, polo sistema de concorrencia competitiva, no segundo semestre do ano.

Liquidación do ano 2025
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, incidiu especialmente na evolución positiva da situación económica que o goberno municipal conseguiu coa súa xestión do ano pasado. O alcalde apuntou que en 2024 o Concello investiu por riba das súas posibilidades, incumprindo as regras de estabilidade presupuestaria. “Foi un toque de atención, e en 2025 seguimos investindo unha cantidade importante, de máis de 922.000€, pero sen superar os límites -sinalou-; nós garantimos que cada obra que se fai, pódese pagar, mantendo os servizos e blindando o futuro de Cedeira”, dixo Moreda Gil.
“Presentamos un orzamento expansivo de 7,6 millóns de euros grazas a que saneamos as contas e logramos superávit”, subliñou o alcalde.

Back to top