JULIO ABALDE PRESENTA EN CEDEIRA O PLAN VEO PARA GARANTIR A SAÚDE VISUAL DA INFANCIA E A ADOLESCENCIA E REDUCIR DESIGUALDADES
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presentou onte o Plan VEO no Centro Óptico Candieira, acompañado polos propietarios do establecemento, Carlos Calvo e Berto Barriuso, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e o concelleiro de Educación e Mocidade, Noel López, destacando que “ver ben non pode ser un privilexio, senón un dereito básico que non pode depender da situación económica das familias”.
Durante a visita, Julio Abalde puxo en valor esta iniciativa do Goberno de España, impulsada polo Ministerio de Sanidade, que garante axudas directas de ata 100 euros para a adquisición de lentes ou lentes de contacto destinadas a menores de 16 anos. “A saúde visual é clave no desenvolvemento educativo, social e persoal da infancia. Que un neno ou unha nena vexa ben na aula é unha condición imprescindible para aprender en igualdade”, subliñou.
O subdelegado salientou que Galicia lidera o acceso ao Plan VEO en todo o Estado, con 4.529 solicitudes rexistradas, o que supón a taxa máis alta de España axustada por poboación, con 129 solicitudes por cada 10.000 habitantes. “Estes datos amosan que estamos ante unha medida útil, necesaria e ben acollida polas familias, porque responde a unha realidade: hai menores que non corrixen os seus problemas de visión por motivos económicos”, afirmou.
Neste senso, lembrou que un de cada dez menores presenta problemas de visión non corrixidos por razóns económicas e que alongar o uso das lentes durante anos, algo habitual en moitas familias, “pode ter consecuencias directas na aprendizaxe, na autoestima e na vida diaria durante unha etapa clave do desenvolvemento”.
Julio Abalde destacou tamén o impacto positivo do Plan VEO no territorio, agradecendo a implicación dos profesionais sanitarios e das ópticas de proximidade. Na provincia da Coruña están adheridas 230 ópticas, das cales 37 pertencen á comarca de Ferrol, con presenza en 15 establecementos en Ferrol, 8 en Narón, 2 en Fene e 2 en Cariño, entre outros concellos de Ferrolterra. “Este programa tamén é unha aposta polo comercio local e polos servizos sanitarios de proximidade nas nosas vilas e cidades”, engadiu.
“O Goberno de España reduce desigualdades, amplía dereitos e reforza o Estado de Benestar con políticas públicas que se notan na vida real das persoas”, afirmou o subdelegado”.
Un programa social sen límites de renda
O Plan VEO conta cun orzamento total de 48 millóns de euros e estará vixente ata o 31 de decembro de 2026. A axuda concédese en función da necesidade médica, sen límites de renda, reforzando así a equidade no acceso á saúde visual.
A axuda cobre ata 100 euros por menor e ano. Se o produto óptico ten un custo inferior, a contía é asumida integramente polo programa; se o supera, a familia aboa unicamente a diferenza. Inclúense monturas completas con lentes graduadas, só cristais graduados con tratamento antirreflexo, lentes de contacto e a solución líquida necesaria para o seu mantemento durante un ano.
A solicitude realízase exclusivamente de maneira presencial nas ópticas adheridas ao Plan VEO, onde os pais, nais ou titores reciben toda a información e realizan a tramitación.
Finalmente, Julio Abalde animou tanto ás familias como aos establecementos sanitarios de óptica que aínda non participan a sumarse ao programa, “porque investir na saúde visual da infancia é investir no futuro da nosa sociedade”.
Como solicitar a axuda e como poden participar as ópticas
A solicitude da axuda do Plan VEO realízase unicamente de maneira presencial nun establecemento de óptica adherido ao programa. Son os propios profesionais ópticos quen xestionan a tramitación, polo que os pais, nais ou titores só deben acudir cun menor beneficiario e achegar a documentación que lles sexa requirida no propio establecemento. As ópticas participantes contan cun adhesivo identificativo visible no exterior e no interior do local.
Pola súa banda, os establecementos sanitarios de óptica que desexen participar poden adherirse ao Plan VEO a través da aplicación web habilitada polo Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas https://cgcoo-opticos.avanze.net/. A persoa titular do establecemento é a responsable de cargar a documentación necesaria e a información relativa tanto ao centro como aos profesionais que prestan servizo nel.