Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CLIA DE CEDEIRA PARTICIPOU NO FORO DE PARTICIPACIÓN UNICEF QUE SE CELEBROU NO PARLAMENTO DE GALICIA

Un grupo de oito nenos e nenas, integrantes do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) Ondiñas da Vila de Cedeira, participou o pasado venres no XIII Foro de Participación Unicef que se celebrou no Parlamento de Galicia, no marco da celebración do Día da Infancia. Julia Martínez, en representación do grupo, tomou a palabra neste escenario para explicar durante un minuto a experiencia e as iniciativas que xa teñen impulsado, como un ciclo de cine ou a creación dun merendoiro no parque San Isidro, e para subliñar a importancia de abrir as portas á participación dos menores “para que as cousas que se fan a nivel municipal tamén nos gusten a nós”.

Tal e como dixo, “sentimos que podemos tomar decisións e que o Concello de Cedeira nos ten en conta”. No encontro tomaron parte tamén representantes dos consellos locais de Burela, Moeche, Redondela, Nigrán, Ponteareas, A Laracha, Tomiño, O Rosal, Moaña, Tui e Teo. Boa parte das intervencións xiraron arredor da internet e as redes sociais, e os efectos que teñen na saúde mental, a ameaza da privacidade, o ciberacoso…

Na sesión interviron a vicepresidenta primeira da Cámara Galega, Elena Candia, así como a presidenta de Unicef, María Montalvo Freire, representantes de todos os grupos políticos con representación no Parlamento e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

O CLIA de Cedeira constituiuse como órgano de participación, con carácter consultivo, a finais de 2023, ano no que unha representación del viaxou xa ao Parlamento de Galicia para estar no foro de Unicef. A representación do CLIA acudiu o pasado vernes, á sesión parlamentaria, acompañada por Noel López, concelleiro de Mocidade, por mestras do CEIP Nicolás do Río e do IES Punta Candieira, e pola educadora social Tania Merelas, que guia as reunións e o traballo do consello Ondiñas na Vila.

Back to top