Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

VISITA DA DEPUTADA PROVINCIAL DE VÍAS E OBRAS Á ZONA DE REGO DE TIDE NA QUE SE VAN INICIAR EN BREVE AS OBRAS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Deportes, José Antonio Rodríguez, acompañaron onte á deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez Ordóñez, na súa visita á estrada DP 2206 en Rego de Tide, na que o organismo provincial vai executar unha actuación de mellora. As obras están xa adxudicadas, pero a empresa adxudicataria está á espera do envío dos prefabricados necesarios para a súa execución.

A deputada de Vías e Obras destacou que “a Deputación da Coruña e o Concello de Cedeira están traballando conxuntamente para mellorar os accesos a San Andrés de Teixido. Unha vez concluída a variante de Pontigas na DP 2204, na que os estreitamentos no núcleo de poboación dificultaban a circulación, especialmente para os numerosos autobuses que visitan este lugar de peregrinación, as melloras continuarán agora con esta obra na que se eliminará a curva perigosa da valgada do regato de Tide, no punto quilométrico un da estrada DP 2206, que xera tamén problemas de seguridade para a circulación, especialmente no caso dos autobuses e dos vehículos pesados”.

A actuación, que se levará a cabo entre os PQ 0+920 e 1+220 eliminará a curva existente, cun radio moi reducido, e executarase un novo trazado ao sur do actual que permitirá ampliar a sección e mellorar a visibilidade. O novo trazado implica tamén a construción dun terraplén e dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade ao regato. O investimento nesta actuación é de máis de 406.000€.

Back to top