O PLENO APROBA INICIALMENTE A MODIFICACIÓN DO PXOM PARA DOTAR DE CHAN AO CENTRO DE SAÚDE DE CEDEIRA
Os tres grupos políticos da corporación de Cedeira votaron a favor, nunha sesión plenaria de carácter extraordinario celebrada onte, da aprobación inicial da modificación puntual do PXOM que é necesaria para obter a parcela apta para o novo Centro de Saúde e que dará paso tamén á ordenación viaria da zona. Concretamente, cambia a cualificación dos terreos, que pasan a ser de equipamento sanitario e asistencial, e avanza con elo un paso máis a tramitación para poñer en mans do Sergas o solo no que levantará a nova infraestrutura.
O Concello de Cedeira formalizou recentemente a compra de dúas parcelas, lindeiras á que xa tiña na zona de actuación, para completar unha bolsa de chan de 3.665 metros cadrados. A modificación puntual do PXOM, que chegou onte ao pleno despois de ser informada favorablemente pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e do Instituto de Estudos do Territorio, será agora sometida a información pública para a súa posterior aprobación definitiva.
A modificación do PXOM afecta a un espazo de máis de 7.000 metros cadrados que abranguen os devanditos 3.665m2 que se van poñer a disposición de Sanidade e outros 3.781m2 que se van a urbanizar con viarios, aparcamentos e beirarrúas con vexetación arbórea. A actuación terá unha repercusión positiva na mobilidade, tal e como valora o informe do Instituto de Estudos do Territorio, porque vai permitir a apertura completa do trazado da rúa Río da Veiga, conectándoa a Pitilleira. O programa de actuación contempla a creación de 44 prazas de aparcamento en superficie. Non é precisa, tal como estableceu o mesmo organismo, a realización dun informe de avaliación medioambiental.
O novo Centro de Saúde de Cedeira, clasificado como de prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas, substituirá ao actual, sen posibilidade de ampliación, para ofrecer os servizos e a cobertura necesaria para unha poboación de 6.500 persoas, que se ampliarán ata as 10.000 no caso do Punto de Atención Continuada, no que tamén se vai atender a xente doutos municipios como Valdoviño e Cerdido, e ata 15.000 no do servizo de fixioterapia, que recibirá tamén a xente dos citados municipios e Moeche e As Somozas.
Cos 3.665m2 que se van poñer a disposición do Sergas, moi superiores aos 2.000m2 que inicialmente solicitou a Consellería, o Concello garante que se van poder satisfacer as necesidades actuais e tamén futuras da poboación. O actual Centro de Saúde pasará no seu momento a mans do Concello, que poderá empregarlo para ofrecer novos servizos á cidadanía.