O CONCELLO ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE DO CAMPAMENTO URBANO QUE SE DESENVOLVERÁ EN XULLO E AGOSTO
O Concello de Cedeira abre o prazo de presentación de solicitudes para o Campamento Urbano de verán que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, en horario de 09.00 a 14.00h, de luns a venres. Tal como establecen as bases, haberá un total de 50 prazas para nenos e nenas nadas entre os anos 2013 e 2021, ambos incluídos. É unha actividade dirixida a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e que terá un carácter lúdico para a cativada participante, con moitas e variadas propostas que abranguerán prácticas deportivas, xogos, obradoiros de manualidades…sempre con carácter lúdico.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 20 de xuño. Nos criterios de selección establécese que terán prioridade os nenos e nenas de Cedeira, así como aqueles cuxos tutores acrediten unha relación laboral vixente en horario de mañá. Das 50 prazas que haberá ao longo dos dous meses, un total de 5 estarán reservadas para nenos e nenas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% sempre que acrediten a súa capacidade para integrarse no grupo e participar das actividades.
No taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello están colgadas as bases e a ficha de inscrición que hai que encher e entregar, así como a relación de documentación que se require. O prezo de participación no campamento é de 40€ por quincena, 60€ para o mes completo e 100€ para os dous meses.