O MUSEO TERRAS DE CEDEIRA PROMOVE VISITAS GUIADAS, OBRADOIROS E OUTRAS ACTIVIDADES PARA NADAL
O Concello de Cedeira vén de publicar un programa de visitas guiadas e actividades para o mes de decembro, nunha nova aposta pola promoción do patrimonio e a cultura local nunha época na que reabre a Oficina de Turismo e na que o municipio vai estar especialmente animado polas festas de Nadal. Entre outras propostas, volve a ruta turística polos lugares nos que se rodó a serie televisiva “Rapa” e organízanse obradoiros infantís no Museo Terras de Cedeira.
Gran parte das actividaden van servir para dinamizar o Museo Terras de Cedeira, situado no Palacete Municipal no que tamén está a Oficina de Turismo. O vindeiro 1 de decembro inaugúrase alí a exposición “Mulleres no Camiño de Santo André”, con fotografías de Noelia Blanco, como colofón ao programa que o Concello promoveu arredor da romería de Teixido e do papel das mulleres no ancestral camiño.
Para o 5 de decembro, sábado, está prevista a primeira das visitas que guiará Sergio Muíño. Desta volta farase o percorrido polos Murais Atlánticos da localidade, con saída ás 17.00h desde o Museo Terras de Cedeira. Ao día seguinte, primeiro “paseo de vivos” polo núcleo de Santo André de Teixido, comezando ás 12.00h na caseta de turismo.
O día 7, o luns da ponte festiva, está programado un obradoiro infantil no que os nenos e nenas participantes poderán aprender a facer “san andresiños”, as famosas figuriñas de miga de pan. A cita será ás 12.00h no museo.
Para o día 12 de decembro, sábado, está programada a ruta polos escenarios da serie “Rapa”. É este un percorrido dunha hora, aproximadamente, que se estreou o pasado setembro con grande éxito e que se presenta como un novo produto turístico da localidade. A saída será desde o Palacete Municipal, o que foi o cuartel da Garda Civil na serie, ás 12.00h.
O domingo 13 de decembro está programada unha nova visita guiada a Santo André de Teixido, desta volta con inicio ás 12.30h.
O 24 de decembro, ás 12.00h, haberá un obradoiro infantil de “cartas de Nadal” no Museo Terras de Cedeira. O 26, ás 12.00h, desenvolverase unha charla “lixeira” ás 12.00h para falar dos “san andresiños” ao longo do tempo.
Por último o día 27, o último domingo de decembro, prográmase a última visita guiada ao núcleo de Santo André de Teixido. A saída será ás 12.30h.
As inscrición en todas as actividades é gratuíta, pero é preciso facela a través da web www.terrasdecedera.es. Agás a charla sobre os “san andreses” do día 26, que será de entrada libre.