Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO APROBA A MODIFICACIÓN DO PXOM PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE E A URBANIZACIÓN DA SÚA CONTORNA

Os tres grupos políticos con representación no pleno de Cedeira votaron a favor, como sucedeu coa aprobación inicial, a modificación puntual do PXOM que vai permitir obter a parcela apta para o novo Centro de Saúde e que abrirá a porta, tamén, á ordenación viaria da zona. Queda enviar o expediente a Costas e despois á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva, coa que poderán poñerse os terreos a disposición da Consellería de Sanidade.

Esta modificación puntual nº2 do PXOM de Cedeira afecta a un espazo de máis de 7.445 metros cadrados situados entre o campo de fútbol do Beco e as rúas Río da Veiga -na que está a Estación de Autobuses- e Deporte. Nese ámbito defínese unha bolsa de chan de 3.665 metros cadrados para o futuro Centro de Saúde e 3.781m2 que van ser urbanizados con viarios, aparcamentos e beirarrúas. Cómpre recordar que o Concello tivo que mercar, por un total de 75.500€, dúas parcelas privadas na rúa Río da Veiga para completar a dotación de chan necesaria nesta actuación.

O pleno dá luz verde á modificación puntual despois de ter todos os informes técnicos precisos e de superar o período de información pública. O goberno municipal de Cedeira recorda que a reurbanización da zona vai repercutir positivamente na mobilidade, porque permitirá a apertura completa do trazado da rúa Río da Veiga, conectándoa a Pitilleira. O programa de actuación contempla a creación de 44 prazas de aparcamento en superficie e a plantación de especies arbóreas nas beirarrúas.

O novo Centro de Saúde de Cedeira, clasificado como de prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas, substituirá ao actual e ofrecerá os servizos e a cobertura necesaria para unha poboación de 6.500 persoas, que se ampliarán ata as 10.000 no caso do Punto de Atención Continuada, no que tamén se vai atender a xente doutos municipios como Valdoviño e Cerdido, e ata 15.000 no do servizo de fisioterapia, que recibirá ta xente dos citados municipios e tamén de Moeche e As Somozas. Cos 3.665m2 que se van poñer a disposición do Sergas, moi superiores aos 2.000m2 que inicialmente solicitou a Consellería, o Concello garante que se van poder satisfacer as necesidades actuais e tamén futuras da poboación. O actual Centro de Saúde pasará no seu momento a mans do Concello, que poderá empregarlo para ofrecer novos servizos á cidadanía.

*A imaxe que se envía adxunta representa a superficie afectada polo cambio de ordenación, o futuro Centro de Saúde non ten que seguir a configuración que aparece necesariamente, só é un suposto coa edificabilidade que ten a parcela.

Back to top