Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA IMPLEMENTA UN BUZÓN DE QUEIXAS SOBRE AS LIÑAS REGULARES DE AUTOBÚS

O Concello de Cedeira vén de colgar na súa páxina web, e compartir polas redes sociais e canle de Whatsapp, un formulario para que as persoas que utilizan os servizos regulares de autobús, que presta fundamentalmente a compañía Monbús, poidan facer constar as súas queixas. Consciente das moitas incidencias que se producen de maneira cotiá nestas liñas, o goberno municipal quere recoller información e datos concretos que lle permitan elaborar un informe e reclamar as melloras necesarias diante da Xunta de Galicia, que ten a competencia do transporte de viaxeiros por estrada.

As moitas eivas que se rexistran no servizo afectan especialmente ás persoas maiores e a mozos e mozas, xente que non conduce ou non dispón de vehículo propio, e que se atopan coa frustración de non contar con servizos de liña fiables. Unha das queixas recurrentes é que as paradas non están debidamente sinalizadas e que existen serias dificultades para consultar os horarios. En moitos casos os autobuses pasan por diante das paradas sen deterse e deixando viaxeiros en terra, ou mesmo levan viaxeiros de pé en desprazamentos interurbanos.

A pretensión do Concello é que os usuarios e usuarias fagan constar a súa queixa en cada ocasión, para ter información o máis detallada posible.

O formulario, ao que se pode acceder a través deste link: https://forms.gle/zF1Qun1K4SZ6u2a96, está colgado ao pé da páxina de inicio da web do Concello https://www.cedeira.gal/

Back to top