CEDEIRA ACOLLERÁ UN OBRADOIRO SOBRE CAMBIOS EVOLUTIVOS E ENFERMIDADES DA MULLER O VINDEIRO DÍA 4
O Auditorio de Cedeira (no 2º andar) acollerá o vindeiro 4 de xuño o obradoiro “Muller e Saúde” promovido pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente do Sergas, coa colaboración do Concello. O programa desenvolverase de 16.30 a 19.30h e abordará cuestións relacionadas coa menopausia e a osteoporose, a prevención xinecolóxica, os factores de risco, a fisiopatoloxía, a alimentación e o exercicio.
Cristina Vázquez Pérez, matrona da Área Sanitaria de Ferrol, impartirá este obradoiro, cuxos obxetivos son mellorar a información e a comprensión sobre os cambios evolutivos na muller, así como previr enfermidades propias do colectivo feminino.
O curso está dirixido á cidadanía en xeral. As persoas interesadas poden inscribirse de balde a través da web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, desde a que se advirte que a actividade non se considera formación continua para o persoal do Sergas.