A PISCINA DE CEDEIRA, CONECTADA XA Á REDE DE PISCINAS INTELIXENTES DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE NATACIÓN
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, recepcionou nestes días o sistema de dixitalización da piscina municipal, xa instalado e conectado á rede EPIC -de piscinas intelixentes- impulsada pola Federación Española de Natación. O Concello de Cedeira contou cunha axuda do Consello Superior de Deportes para acometer dita iniciativa, cuxo orzamento total ascende a 87.120€ (IVE incluído).
O goberno local de Cedeira tramitou a finais de 2023 a solicitude da axuda que procede de fondos Next Generation e que cubre algo máis do 52% do custo total. Coa recente adxudicación á empresa tecnolóxica que é partner en exclusiva da Federación de Natación para estes proxectos, e a rápida instalación do equipamento, a piscina municipal pasou xa a estar conectada á rede. No contrato, a empresa suministradora garante que se fará cargo, a coste cero, da adaptación do sistema á instalación unha vez que estea feita a prevista ampliación.
A dixitalización da piscina realizouse a través da colocación dunha serie de sensores e chips tanto no vaso como nas gafas dos nadadores e das nadadoras para recoller información da actividade en tempo real. Os datos reflíctense tanto nunha gran pantalla que está xunto á piscina como nunha aplicación que poden empregar deportistas e adestradores.
Esta tecnoloxía diríxese tanto a monitorizar a actividade deportiva como a mellorar a seguridade da instalación, porque os monitores ou socorristas recibirán unha alerta cando calquer nadador ou nadadora estea máis tempo do normal por debaixo da lámina de auga. É un sistema de especial interese para as personas con diversidade funcional, coas que existe maior risco de afogamento. Para a natación federada, representa a vantaxe de monitorizar os adestramentos, adoptar decisións e deseñar as sesións baseándose en datos, segundo a tendencia xeral en todos os deportes.
O sistema permite o traballo en rede entre a comunidade de nadadoras e nadadores do país, de maneira que un rapaz que estea adestrando en Cedeira poderá comparar os seus tempos cos de Mireia Belmonte, por exemplo, ou participar en retos solidarios ou todo tipo de competicións virtuais que contribuirán a motivalo. A dixitalización das piscinas, unha tendencia á que agora se suma Cedeira, é tamén unha fórmula para atraer máis usuarios.
Cómpre recordar o uso intensivo que ten a piscina de Cedeira, onde o club de natación conta cunhas 230 licencias federativas e preto de 250 personas acoden ás escolas que organiza o Concello para nenos e nenas e para adultos. O goberno municipal está a ultimar o acordo de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña que permitirá acometer a ampliación da instalación actual, dos 16,20 metros de largo actuais aos 25.