Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

GASTROMAR CEDEIRA. A COCIÑA MARIÑEIRA CON PRODUTO LOCAL TRIUNFA EN CEDEIRA

O pasado mércores 22 de outubro levouse a cabo na Sala Áncora (Praza Roxa) de Cedeira unha sesión dirixida á hostalaría local sobre innovación na preparación das especies da zona e a súa presentación gastronómica. Foi dirixida polos chefs Diego Fernández e Jordi Fernández do restaurante fame Kanalla, onde asistiron máis de 30 persoas.

Mediante a realización de exemplos prácticos empregando produto local e subprodutos, os chefs Diego Fernández e Jordi Fernández, do restaurante Fame Kanalla, achegaron a membros da hostalaría local e veciñanza interesada na cociña mariñeira local, as distintas posibilidades e aplicacións desta materia prima.

Durante a sesión, os asistentes puideron observar dúas deliciosas preparacións: mexillóns ao vapor de albariño sobre sopa curry malabar, con cebola encurtida e liscos de coco relado crocante; e hot dog coreano crocante de pescada do pincho asado ao carbón con vermicelli en ensalada de cítricos, menta e maionesa de lima.

Máis de 30 persoas, entre os que se atopaban profesionais da hostalería e do sector pesqueiro da vila, desfrutaron do proceso de preparación dos dous orixinais pratos, así coma do resultado final.

O obxectivo desta sesión é reforzar as relación locais entre o sector do mar e a hostalaría, á hora de promover o uso de especies mariñas da zona e a súa transformación na cociña, a través de ofertar produto KM0 á propia veciñanza e visitantes, para visibilizar así a lonxa e a Confraría e fomentar a comercialización de todo tipo de especies mariñas e produtos locais.

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais destas accións formativas, destacan as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable e accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.

Back to top