CEDEIRA RETOMA MAÑÁ O CICLO MESTRE MATEO CO PASE DA PELÍCULA DE CIENCIA FICCIÓN “XUSTIZA ARTIFICIAL”
O Concello de Cedeira retoma mañá venres, ás 21.00h, o ciclo de cine Mestre Mateo, no que se ofrece unha escolla co máis destacado da cinematografía feita en Galicia do último ano. O programa impulsado pola Academia Galega do Audiovisual está composto por dez sesións, das que seis tiveron lugar no pasado mes de xullo. “Xustiza artificial”, unha historia de ciencia ficción, será a primeira das restantes catro sesións que están programadas para o mes de outubro no Auditorio Municipal de Cedeira, sempre con entrada de balde até completar aforo.
A película “Xustiza artifical” desenvólvese nun futuro non moi lonxano, no que o goberno español anuncia un referendo para aprobar un sistema de Intelixencia Artificial que vai automatizar e despolitizar a xustiza. A proposta desata unha encarnizada campaña electoral na que se enfrontan o Goberno, en alianza coa tecnolóxica creadora do sistema, e a carreira xudicial, que defende o carácter humano da xustiza. A longametraxe está dirixida por Simón Casal e protagonizada por Verónica Echegui, Tamar Novas, Alba Galocha e Lucía Moniz.
As seguintes citas do ciclo Mestre Mateo en Cedeira serán o 10 de outubro, cando se pasará a película “Honeymoon”, e os venres 17 e 24, dúas sesións adicadas ás curtametraxes.
Por outra banda, a parroquia de San Román celebra esta fin de semana as festas na honra da Virxe do Rosario. O sábado 4 celebrarase a misa solemne, ás 13.30h, seguida dunha sesión vermú que amenizará o Dúo D’Vicio. Ás 17.30h haberá un graan partido de solteiros contra casados e pola noite a verbena contará coa actuación do Dúo D’Vicio e a Orquestra Panamá.
O programa continuará o domingo 5, con misa solemne ás 13.45, cantada pola Coral Eixil de Cedeira. A continuación haberá unha sesión vermú longa, de fin de festa, co Grupo Eixil.