O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA INICIA UN PROCESO DE ESCOITA ACTIVA COAS PARROQUIAS
O Concello de Cedeira reuniu este martes no salón de plenos a representantes das asociacións veciñais das parroquias do municipio para presentarlles o proxecto “Parroquias Cedeira”, unha iniciativa de participación cidadá que busca dar voz á veciñanza do rural e recoller as súas propostas de mellora.
Durante o encontro cos representantes do goberno municipal, explicouse a metodoloxía que se seguirá nos próximos meses para levar a cabo xuntanzas parroquiais, unha en cada parroquia, co obxectivo de crear espazos de diálogo, favorecer a escoita activa e priorizar as demandas máis relevantes da poboación.
As temáticas sobre as que se centrarán as propostas serán fundamentalmente:
• Medio ambiente
• Medio rural
• Deporte
• Cultura
• Servizos
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que “se trata dun proceso innovador para a xestión local, no que queremos achegar a toma de decisións á poboación e coñecer de primeira man as súas necesidades”.
Lembrouse que se trata dun proceso consultivo no que todas as achegas serán valoradas técnica, xurídica e economicamente, de maneira que aquelas viables poidan formar parte dunha bolsa de propostas para seren tidas en conta en futuros orzamentos municipais.
As reunións coas parroquias darán comezo a partir da próxima semana, iniciando o calendario cunha reunión inicial conxunta coas directivas de ditas asociacións.
Con esta iniciativa, o Concello de Cedeira segue a apostar por fomentar a participación cidadá, dinamizar o rural e dar maior visibilidade ás necesidades parroquiais. Hai que recordar que o Concello leva xa ás costas cinco edicións dos Orzamentos Participativos, un proceso no que teñen voz e voto os alumnos e alumnas de terceiro curso de Secundaria do IES Punta Candieira, e que conta tamén co Consello Local da Infancia e Adolescencia “Ondiñas na vila”, un órgano de participación que ten decidido xa algunha actuación, como o merendeiro recentemente inaugurado no parque de San Isidro.