Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PAVILLÓN MUNICIPAL DE CEDEIRA ACOLLERÁ OS DÍAS 27 E 28 A COPA VOLEIBOL XUNTA DE GALICIA 2025

O Pavillón Municipal de Cedeira acollerá na fin de semana do sábado 27 e o domingo 28 a Copa Voleibol Xunta de Galicia 2025, un torneo que vai reunir aos mellores equipos sénior femininos e masculinos da última tempada. O primeiro día serán os partidos dos equipos masculinos e o domingo os dos femininos, e a entrada para o público será gratuíta nas dúas xornadas.

Así, o sábado ás 10.30h, será a primeira semifinal masculina, entre o Arenal Emevé e o Intasa San Sadurniño. Ás 12.30h disputarán a segunda os equipos Rotogal Boiro e Dumbría Voleibol. A final, entre os finalistas, será o mesmo sábado ás 17.30h.

O domingo será a quenda dos equipos femininos. A primeira semifinal, ás 10.30h, enfrrontará a Arenal Emevé e Xuvenil Teis, mentres que o CV Instituto Zalaeta e Aceites Abril VoleyOurense xogarán ás 12.30h. A final, de novo, disputarase a partir das 17.30h.

O Concello de Cedeira mantén desde hai uns anos un acordo de colaboración co Club Aldebarán de San Sadurniño co que se fixo posible a posta en marcha dunha escola deste deporte na localidade. Xa no verán de 2023 dita relación abriu a porta á celebración dun torneo de volei praia do circuíto nacional, e chega agora a oportunidade de acoller unha importante cita de voleibol pista. Desde o goberno local agradecen o impulso que o Aldebarán está a darlle a este deporte na localidade, así como o apoio da Federación galega para a celebración deste torneo.

Back to top