O CONCELLO DE CEDEIRA INAUGURA ESTE SÁBADO EN SANTALLA O CICLO DE “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR”
O Concello de Cedeira inaugura este sábado, no local social de Tarroiba, na parroquia de Santalla, o ciclo de narración oral “Cantos e contos ao solpor”, que cada ano marca o paso do verán ao outono. Esta undécima edición do programa comeza co espectáculo “De ida e volta”, da narradora galega Cris de Caldas e a música cubana Amor Heredia. Será ás 20.00 horas, con entrada libre.
“De ida e volta” é unha función que combina narración oral e música na que se viaxa e se regresa de diferentes vidas e experiencias para gardar a memoria e destacar a importancia da diversidade cultural. Neste espectáculo fálase de mulleres e homes que tiveron que marchar, como Dolores, que levou a morriña pegada á saia a modo de esperanda, ou a de José, que fuxiu dunha guerra que non lle incumbía.
A axenda cultural e festiva de Cedeira abrangue tamén outras citas nos vindeiros días. Así, o Museo Mares vai inaugurar mañá venres unha nova exposición temporal. Trátase dunha colección de fotografías de natureza obra do mugardés Álvaro Lamas, que se amosa baixo o título “Lost in woodlands photography”.
O sábado é o día da Xuntanza e Ruta Cabalar que organiza cada ano, co apoio do Concello, a asociación A Crina. A partir das 09.00h reuniranse os participantes no polígono da Trabe, para iniciar alí un paseo que os levará aos montes da Capelada. Despois compartirán unha comida no polígono, baixo unha carpa que se vai instalar para a ocasión, e a partir das 16.00h desenvolveranse as probas de andadura.
Tamén o sábado estarán de festa na parroquia de Piñeiro. Celébranse as festas de San Roque cun programa que comezará ás 12.00 coa misa na igrexa de María Mediadora, seguida de procesión. Haberá sesión vermú co grupo Boreal e, pola noite, verbena a cargo de Discomovil Fabrik.
Xa o luns será a romería de San André de Teixido, unha celebración que adoita reunir a peregrinos e veciñanza nunha xornada de merendas campestres arredor do santuario. Celebrarase a misa e posterior procesión arredor da igrexa e tamén está programada unha sesión vermú, a cargo da cantante Marisol Novo. Ás 17.00h desenvolverase unha visita guidada gratuíta polo pintoresco enclave.