Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A COMPRA DUN CAMIÓN GUINDASTRE CUN ORZAMENTO DE PRETO DE 126.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de contratación da subministración dun vehículo para a realización de tarefas de protección do medio ambiente. Trátase da compra dun camión guindastre con basculante, de 7.500kg de peso, para cuxa compra a administración local reservou un orzamento de 125.913,81€, dos que 67.558,02€ proceden do Fondo de Compensación Ambiental. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 22 do presente mes de setembro.

Nos pregos de licitación especifícanse as características do vehículo, incluíndo o tipo de guindastre, da caixa aberta para a carga, dos basculantes e o motor, entre outras. A empresa suministradora terá que suministrar o camión con todos os permisos e requisitos necesarios para o seu uso, así como facilitar a formación necesaria ao persoal municipal que vai empregalo.

O Concello de Cedeira non conta, na súa flota de vehículos, dun camión destas características. Incorporalo vai facilitar o cumprimento das competencias municipais en canto ao coidado dos parques e xardíns públicos e a xestión dos residuos sólidos urbanos, así como á necesidade de conservación e mantemento en condicións de seguridade dos múltiples camiños, pistas e parcelas de titularidade municipal, tanto rústicas como urbanas.

O Fondo de Compensación Ambiental, a través do cal o Concello financia parte desta adquisición, é unha liña de subvencións de natureza non competitiva que lles corresponde aos concellos que albergan no seu territorio parques eólicos e/ou as súas vías de evacuación.

Back to top