O AUDITORIO ACOLLE HOXE VENRES A ESTREA DA ÓPERA “THE FAIRY QUEEN”, QUE SERÁ RETRANSMITIDA POR STREAMING
Cedeira encara a última fin de semana de agosto cunha axenda na que aínda queda festa e outras actividades culturais e de lecer. Hoxe venres, día 29, terá lugar a estrea da obra de Henry Purcell “The Fairy Queen”, a representación lírica saída da cuarta edición do Festival Ópera Studio Cedeira, que comezou o pasado día 19 e que xa deparou a estrea do oratorio Te Deum de Charpentier o pasado día 23. No marco do mesmo programa, hoxe día 28 teñen lugar dous recitais de cámara no café Pinzón, ás 12.00, e no Chiringo, ás 13.15h.
“The Fairy Queen” é unha ópera barroca, composta polo inglés Henry Purcell en 1692 e baseada na comedia de William Shakespeare “O Sono dunha Noite de Verán”. A obra combina partes faladas co espectáculo musical. A estrea será mañá ás 20.00h no Auditorio Municipal, e retransmitirase en directo a través da canle de Youtube da Opera Studio Cedeira. As entradas serán de balde e poderán retirarse na billeteira desde unha hora antes, ata completar aforo.
Esta última fin de semana de agosto será tamén a do Lugnasad, a celebración das vodas celtas que ano tras ano reúne a parellas chegadas de diferentes puntos de dentro e fóra de Galicia. A Asociación de Amigos do Lugnasad de Cedeira organizou o programa que se vai desenvolver o sábado e que comezará ás 11.30h, na praza da Marieta, coa apertura dun mercado medieval e o desfile e recepción de parellas. Pola tarde, ás 17.00h, haberá xogos, actividades didácticas para nenos e nenas e o IV Certame Personaxes de Lenda. A partir das 17.30 actuarán o grupo local Aturuxeiras e Ad Hoc Esemble, e ás 21.00 desenvolverase o rito das vodas na praia da Madalena.
A Asociación de Veciños de Régoa organiza tamén para o sábado día 30 a Romería de San Roque de Reboredo. Ás 13.45 terá lugar unha misa solemne e a posterior procesión. A continuación servirase unha laconada -para a que estivo aberta a inscrición ata o pasado día 25- e unha subasta de roscóns. A tarde estará amenizada a partir das 17.00 pola cantante Patri Prados e máis tarde, nas merendas, actuará o grupo de gaiteiros Arume do Ortegal.
Pola súa banda, o Museo Mares promove unha nova edición do obradoiro “Crea a túa bolsa con puntos de rede”, que se vai desenvolver o sábado e o domingo en horario de mañá. A actividade ten xa todas as súas prazas cubertas.
Cómpre recordar que todavía en setembro continuarán os programas de paseos e rutas guiadas promovidas polo Concello. Así, o luns día 1 está programada a ruta circular de Robaleira e o día 3 a dos Altos de Santo André. O calendario pode consultarse na web do Concello de Cedeira.