Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO CONTRATA AO CENTRO TECNOLÓXICO DO GRANITO UN ESTUDO SOBRE O PAVIMENTO DO CASCO VELLO

O Concello de Cedeira vai confiar á Fundación do Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia un estudo sobre o pavimento do casco vello, cuxa instalación se realizou entre os anos 2009 e 2010 e que se atopa moi deteriorado. O obxectivo é coñecer as patoloxías que lle afectan e a súa orixe, así como obter recomendacións útiles para realizar reparacións puntuais e aplicar o mellor mantemento. O informe abordará tamén en concreto a seguridade deste chan fronte a esvaramentos.

O contrato ten un custo de 11.165€, IVE incluído, e o traballo abranguerá varias visitas de técnicos do Centro Tecnolóxico ao casco vello de Cedeira para a realización de catas e probas no pavimento. Pasaron uns 15 anos desde a instalación das lousas, que actualmente se atopan en moitos casos rotas ou coa superficie deteriorada, afundidas ou levantadas, provocando desniveis e problemas de seguridade para as persoas que transitan por elas a pé.

Desde o Concello subliñan que o feito de acudir a esta consultoría responde á vontade de aportar solucións a longo prazo e non aplicar simples parches ao problema. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quixo incidir en que o goberno local é consciente da importancia que ten a situación para quen transita por estas rúas e enfatiza que, precisamente pola importancia do tema, se quere buscar unha solución definitiva.

Antes de tomar a decisión de requirir o informe do Centro Tecnolóxico do Granito, o goberno local consultou con diferentes entidades e empresas especializadas, así como coa firma que no seu día instalou o lousado. A vontade do Concello é garantir unhas axeitadas condicións de mobilidade á poboación, especialmente as persoas maiores.

Back to top