Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O AMORA CAFÉ BRUNCH CONQUISTOU OS PADAIS DO PÚBLICO NO CERTAME TAPAS DE OUTONO DE CEDEIRA

O Amora Café Brunch, un establecemento aberto en Cedeira hai poucos meses, conquistou os padais do público no certame Tapas de Outono. O seu bocado de carrilleira ibérica melosa, glaseada ao viño tinto sobre un brioche dorado e unha suave crema de castañas e cabaza asada, con setas de tempada e crocante de xamón ibérico, gañou esta sétima edición do certame, que se desenvolveu do venres ao domingo pasado cunha alta afluencia de xente e moita animación polas rúas.

As votacións do público deron tamén o segundo premio a Bon Pé, que presentou nesta edición un wantán de camarón, setas e crema de castañas sobre compota de mazá, xenxibre e demiglace, rematada con chips de boniato, garanvanzo frito, queixos San Simón da Costa e Cebreiro, setas e un toque de trufa. O Amanexo logrou o terceiro posto cun petisco feito con rabo de boi estofado a baixa temperatura e crocante, o seu mollo, emulsión de patacas e porros, crumble de castañas asadas, falsa chantarela de cabaza e boletos confitados ao allo.

Emitíronse un total de 350 votos válidos, un por persoa e sempre cun mínimo de 7 tapas probadas das 13 presentadas ao concurso. Foi moita a xente que visitou os locais e degustou as tapas, participando no sorteo dun total de 15 cestas, valoradas cada unha delas en 100€. Tal como se informou en días pasados, o Concello de Cedeira reforzou o programa deste ano coa dotación destes premios complementarios, a maiores da cea que se sorteou entre as persoas que emitiron o seu voto no certame. Así, repartíronse 13 cestas aos 13 establecementos inscritos no concurso, que sortearon entre a súa clientela, e outras dúas que foron sorteadas polo comercio local entre as persoas que fixeron compras durante os días do certame. As rúas estiveron animadas o sábado polas charangas Bicoia e BMVC, e o domingo pola asociación Buxainas e a charanga Santa Compaña.

Ademais, este ano celebrouse unha xornada gastronómica previa ao concurso. O martes anterior, desenvolveuse unha mostra de cociña na sala Áncora a cargo de Arantxa Jiménez e Jorge Vázquez, do restaurante O Pozo de Cambre, que contou tamén cunha alta afluencia de público e que complementou a experiencia arredor da restauración.

Back to top