DESENVOLVEMENTO PESQUEIRO RECIBIRÁ O 12 EN SANTIAGO ÁS REPRESENTANTES DAS MARISCADORAS DA RÍA DE CEDEIRA
O consistorio de Cedeira acolleu onte unha nova reunión de traballo entre representantes municipais de Cedeira e Valdoviño e responsables da Confraría de Pescadores de Cedeira, na que as partes volveron sobre as reivindicacións do colectivo das mariscadoras. Finalmente, as traballadoras poderán expor as súas reivindicacións diante da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez, nunha reunión que o departamento autonómico convocou para o vindeiro día 12 de novembro en Santiago de Compostela.
Tal como se informou en repetidas ocasións, o colectivo das mariscadoras está a atravesar por unha situación sumamente grave pola ausencia de recurso. A crise dos bancos marisqueiros da ría de Cedeira comenzou xa en 2024 e foi agravándose, agás en moi puntuais momentos de recuperación, ata chegar ao momento actual, de nula produtividade.
A reclamación do colectivo, que conta co apoio dos gobernos municipais tanto de Cedeira como de Valdoviño, é que se adopten medidas para recuperar os bancos e dotar de futuro ao sector, ao tempo que se requiren solucións inmediatas que garantan a viabilidade económica do colectivo de mariscadoras.
Na reunión de traballo celebrada hoxe estiveron os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández; a primeira tenente de alcalde, María Xosé Pernas Díaz, e a concelleira Carmela Prieto, da corporación cedeiresa, xunto coa vicepatrona segunda da Confraría de Pescadores e presidenta da agrupación de mariscadoras, Susana Bellón, a secretaria da agrupación, Raquel Ramos; a secretaria do pósito, María Rodríguez; e o patrón maior, Ricardo Villar.
Á reunión do día 12 están convocadas as representantes do colectivo das mariscadoras da ría de Cedeira e da Confraría de Pescadores.