O CONCELLO LICITA A MELLORA DOS CAMIÑOS DE ESTEIRO, ERVELLÁS E PONTIGAS, CUN ORZAMENTO DE PRETO DE 81.500€
O Concello de Cedeira vén de publicar o concurso das obras de arranxo de tres camiños da zona rural, un na parroquia de San Fiz de Esteiro e outros dous en Régoa, cun orzamento de 81.496,98€ (IVE incluído). O goberno local xestionou unha axuda de 67.378€ do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a través da axencia autonómica Agader, para acometer esta actuación, de maneira que as arcas municipais aportarán só arredor do 17% da actuación.
Os viais que se van mellorar a través deste contrato son os de Esteiro, Ervellás e Pontigas, o primeiro en San Fiz de Esteiro e os outros dous na parroquia de Régoa. En total, son camiños que suman uns 3,2 quilómetros de percorrido.
O camiño de Esteiro vai do lugar de Vilela ata o encontro doa estrada autonómica AC-566. Ten 800 metros de largo e un ancho medio de 3,5 metros. O de Ervellás, en Régoa, conecta o núcleo de vivendas do mesmo nome, ao pé da DP-2202, coa estrada autonómica AC-566. Ten 1.400 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,5 metros. O de Pontigas, por último, vai do núcleo do mesmo nome, na CP-2204, ata o vial provincial DP2205, e as obras, neste caso, van abranguer tamén dous ramais interiores. En total, a actuación neste punto afecta a un quilómetro de viais, tamén cun ancho medio de 3,5M.
Os tres camiños teñen un firme deteriorado, con fochancas, de maneira que as obras van dirixidas a mellorar a superficie e a adherencia, e consecuentemente a seguridade vial para vehículos e peóns. Limparanse as gabias, instalaranse tubaxes ou pasos para salvar os foxos alí onde sexa preciso, rechearanse as fochancas e aplicarase un doble tratamento superficial na maior parte das vías, aínda que parte delas precisarán a aplicación de aglomerado asfáltico para garantir a durabilidade da actuación.
As empresas interesadas teñen ata o día 6 de novembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é dun mes.