A BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN, RECOÑECIDA NO CONCURSO DE ANIMACIÓN Á LECTURA MARÍA MOLINER
A Biblioteca Municipal López Cortón de Cedeira vén de ser recoñecida cun dos premios da convocatoria 2026 do Concurso de Animación á Lectura María Moliner, promovido polo Ministerio de Cultura. É un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola biblioteca municipal no fomento da lectura e na dinamización cultural da veciñanza.
O proxecto “enCULTÚRAte, enCEDÉIRAte: Inspira Cedeira, Expira Cultura”, presentado polo Concello, acadou 83 puntos sobre 100 na avaliación realizada polo Ministerio, obtendo unha axuda económica de 2.777,77€. Na resolución hai un total de 370 proxectos beneficiarios, cunha dotación global de 1,1 millóns de euros. Deles, dez recibirán os premios especiais de 10.000 euros, mentres que os 360 restantes, entre os que se atopa Cedeira, percibirán a contía ordinaria establecida na convocatoria.
Desde a Biblioteca Municipal López Cortón e a Concellería de Cultura salientan a importancia deste recoñecemento, que supón un respaldo ao labor diario da biblioteca como espazo de acceso á cultura, promoción da lectura, encontro e participación cidadá.
A valoración obtida por Cedeira destaca especialmente nos criterios de interese do proxecto, no que acadou 38 puntos; impacto, con 15 puntos; e claridade, coa máxima puntuación de 10 puntos. Estes resultados poñen de manifesto a relevancia da proposta presentada e o seu valor no ámbito da animación á lectura.
O Goberno Municipal quere trasladar o seu agradecemento ao persoal da biblioteca polo seu compromiso e adicación, así como ás persoas usuarias, colectivos e entidades que contribúen a facer da López Cortón un servizo público vivo, próximo e fundamental para a vida cultural de Cedeira.
Este premio constitúe un estímulo para continuar traballando na promoción dos hábitos lectores, no achegamento dos libros e da cultura a todos os públicos e no fortalecemento da biblioteca como un dos principais espazos culturais e educativos do municipio.