O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE ESTE DOMINGO A TERCEIRA EDICIÓN DO FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS “DENDE A NADA”
O Concello de Cedeira celebrará a terceira edición do Festival de Artes Escénicas “Dende a Nada” a partir deste mesmo domingo, de novo cun calendario que concentra obradoiros teatrais e espectáculos, da man de tres profesionais de longa traxectoria na creación e interpretación de producións innovadoras que xiraron internacionalmente. As formacións non van dirixidas exclusivamente a profesionais da interpretación ou estudantes de teatro, senón a calquera persoa que sinta curiosidade polas artes escénicas e queira achegarse ao proceso creativo.
Unha función de danza na rúa abrirá este domingo, ás 18.00h, o programa. A compañía coruñesa Exire ofrecerá na praza Roxa, diante da sala Áncora, o espectáculo “Nexos”, co que a compañía coruñesa Exire gañou o premio á mellor coreografía da Plataforma Diálogos Contemporáneos no 18 Festival DZM de Cáceres. A peza trata sobre a complicidade entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén no tempo.
Logo virán os obradoiros, para os que xa está aberta a inscrición. Os días 17 e 18, sábado e domingo, Helen Baggett impartirá un taller de “Teatro físico”, partindo da súa ampla experiencia con Gecko Theatre. Os días 22 e 23, xoves e venres, a tamén británica Rachel Bown Williams dirixirá o obradoiro sobre “Combate escénico: coreografia con espadas”, e o mesmo 23 desenvolverase outra actividade, titulada “O coro: crear en grupo”, a cargo de Antonio Gil.
O calendario de actividades abrangue tamén dous encontros, un o venres 16 de outubro e outro o mércores 21. No primeiro, ás 11.00h no Auditorio, proxectarase a peza audiovisual “The Time of Your Life”, creada pola compañía londinense Gecko arredor dun home que busca unha conexión humana real nun mundo dominado polas redes sociais e a publicidade. O pase está pensado especialmente para o alumnado de secundaria e asistirán os rapaces e rapazas do IES Punta Candieira, pero será aberto a todas as persoas interesadas. Ao finalizar abrirase un coloquio. O segundo encontro, o día 21, será con Antonio Gil e o alumnado do obradoiro, ás 11.00h no mesmo IES Punta Candieira, sobre a creación en grupo.
Todas estas actividades, coordinadas por Joseph Traynor e Simone Jenkinson, estarán complementadas por outros espectáculos que chegan da man do Concello de Cedeira. Así, o venres 16, ás 20.00h no paseo da Mariña, á altura da praza Marieta, ofrecerase a proposta escénica de rúa “Diz-me meu amor”, a cargo de Raquel Ferradás e María de Vicente. Ao día seguinte, o sábado 17, ás 20.00h no Auditorio, a compañía Morraoconto porá en escea “Tromso”, un proxecto multidisciplinar que hibrida teatro, danza, proxeccións, máscaras e música en directo. O calendario remará o sábado 24 coa peza de danza “Vicenta Lorca”, a cargo da compañía Óscar Cobos.
As persoas interesadas en solicitar máis información poden facelo enviando un whatsapp ao número 649876614 ou por correo electrónico, escribindo a enrique.vazquez@cedeira.gal. As inscricións nos obradoiros deberán realizarse a través da sede electrónica, cubrindo unha solicitude xeral.
