O CONCELLO DE CEDEIRA CONVOCA A QUINTA EDICIÓN DO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “FUSA GUILLÉN”
O Concello de Cedeira convoca unha nova edición, a quinta, do Certame de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, co que apoia a actividade das compañías non profesionais ao tempo que mantén viva a memoria dunha muller que contribuiu a impulsar o teatro na localidade. Un ano máis, seleccionaranse tres obras entre as que se presenten ao certame para que sexan representadas no Auditorio Municipal. O prazo para a presentación de propostas estará aberto do 9 ao 30 de outubro.
Un xurado formado por tres persoas da Concellería de Cultura e das artes escénicas encargarase de seleccionar, entre as compañías que concorran ao certame, tres obras que se representarán ante o público no Auditorio Municipal os días 27 de novembro, 4 e 11 de decembro, ás 20.30h. Cada unha das elixidas recibirá 750€ en concepto de gastos pola actuación.
Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro afeccionado e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar xunto coa súa solicitude diferente material, entre o que está un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa, e tres fotografías de diferentes momentos da función.