Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A PARROQUIA DE CERVO SERÁ A PROTAGONISTA O DÍA 30 DO XII CERTAME DE PINTURA RÁPIDA “VILA DE CEDEIRA”

O Concello de Cedeira celebrará o vindeiro domingo, día30 de agosto, o XII Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, desta volta cunha edición especial adicada á parroquia de Cervo. A dinámica do concurso será a habitual: as e os artistas deberán inscribirse entre as 09.00 e as 11.00h no posto de información da rúa Ezequiel López e despois enviar as coordenadas do lugar no que sitúan o caballete. A entrega das obras será ás 18.00h, como hora límite, e o xurado emitirá o seu ditame ás 19.00h. Repartiranse 2.500€ en premios.

Concretamente, o primeiro premio está dotado con 900€ e diploma, mentres que o segundo e o terceiro recibirán 700 e 500€ con cadanseu diploma. Tamén entregaranse catro accésits de 100€ cada un deles. O soporte non superará os 100x81cm e as persoas participantes deberán levalo no momento da inscrición para que a organización lle poña o correspondente cuño. A inscrición é gratuíta e o Concello apunta que, na medida do posible, os artistas deberán levar o seu cabalete para pintar e tamén para expoñer a súa obra ao finalizar o certame.

Nesta edición o escenario é a parroquia de Cervo, que abrangue os lugares de Arrasa, As Lamelas, Calvario, O Cancelo, O Carreiro, Cervetelo, Chímparra, A Corredoira, Corveiro, O Covo, Eirado, Espiñaredo, Golmar, A Graña, Lucín, Magoira, Nebril, Punta Candieira, Rabadán, Remesal, Os Salqueiros, Sobolocovo, Trasmonte, Vilar e Vilas. Ao rematar o prazo, antes das 18.00h, deberán entregarse as obras na sala Áncora, situada na praza Roxa. Como é habitual, despois de que o xurado emita o seu fallo, as obras non premiadas poderán poñerse á venda asinadas e co prezo indicado na traseira.

Para consultar as bases: https://sede.cedeira.gal/sxc/export/sites/cedeira/recursos/downloads/Tablon/2026/ANUNCIO_PROG_20260811123000132_ANEXO_1786444200-0.pdf

Back to top