CEDEIRA ENCARA OS ACTOS MÁIS TRADICIONAIS E EMBLEMÁTICOS DAS SÚAS FESTAS DA PATROA
Cedeira cruzará mañá o ecuador das Festas da Patroa, que hoxe viven unha xornada especialmente divertida polo desenvolvemento dos Xogos Populares. A partir das 17.30h sucederanse as diferentes probas, de tiro de corda, carreiras de ovos, cucaña, etc, e a zona do Paseo da Mariña estará ateigada de xente seguíndoas. O público familiar ten tamén unha cita esta tarde, ás 20.00h na praza de Floreal, co espectáculo de circo-teatro “A Contratempo” da compañía Pistacatro, e pola noite, verbena na praza da Revolta coa orquestra Olympus e o DJ Brunokavi.
Mañá venres, no cuarto dos sete días festivos, a compañía Rojo Telón ofrecerá o espectáculo “Nudo” na praza do Floreal, ás 20.00h. É unha función de circo cargada de humor e tamén dirixida a público adulto e cativada. Pola noite, a verbena será na praza Roxa e tocarán as orquestras Origen e New York, a partir das 22.30h.
O sábado 15 é o día da Patroa e Cedeira cumprirá coa tradición. Ás 12.00h será a misa, cantada pola coral Eixil, e despois sairá a Virxe do Mar en procesión, acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. A senlleira formación ofrecerá ao rematar un concerto na praza Roxa, arredor das 13.30h. Pola noite, a festa volverá ao mesmo lugar, cunha verbena a cargo de Fania Blanco Show e a orquestra Marbella. Á medianoite a verbena fará unha pausa para dar paso á tradicional sesión de fogos artificiais.
O domingo 16 será a procesión marítima, que comezará despois da misa das 11.00h. É esta unha tradición especialmente popular en Cedeira, na que a Virxe do Mar é conducida ata o peirao, acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira, e alí embarca para facer un percorrido pola ría, acompañada de moitas outras embarcacións. Pola noite,concerto na praza Roxa a partir das 21.30h, con tres dos grupos e artistas máis destacados da música actual en galego. Javi Maneiro, o carismático cantante de Herdeiros da Cruz, chegará a Cedeira coa súa música máis persoal e intimista; tocarán tamén o grupo Alana, coas pandereteiras Lina e Lola, e o artista 9Louro, un mozo que gaña seguidores día a día co seu estilo mistura de trap, reguetón, pop urbano e música electrónica.
Ao día seguinte, o luns 17, chegará a Xira a San Antón de Corveiro, a que é para moitos a xornada máis familiar e entreñable das festas. Arredor da ermida desenvolverase a emblemática romaría, na que se reúnen familias enteiras, tanto de Cedeira como veraneantes e visitantes asiduos. Toda a xente comparte a extraordinaria vista da caída do sol, ao solpor, e a baixada posterior, que se realiza cantando. A partir das 22.30h celebrarase a última verbena na praza Roxa, que correrá a cargo da orquestra Triunfo.
Un ano máis, o Concello de Cedeira instala nas festas o Punto Lila, que se sitúa na parte traseira do escenario durante as verbenas nocturnas. É un espazo seguro e de referencia para as mulleres, onde poden atopar información e tamén apoio e atención en caso de que sufran ou presencien calquera tipo de agresión sexista ou vilencia machista. Un grupo de voluntarias con formación na materia atenden o Punto Lila, co que o goberno local quere sensibilizar sobre a violencia machista á cidadanía.