Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS FESTAS DE SANTA ANA E OUTROS EVENTOS CULTURAIS E DEPORTIVOS ANIMARÁN CEDEIRA ESTA FIN DE SEMANA

Cedeira celebra esta fin de semana as Festas de Santa Ana con dúas verbenas e a tradicional procesión. É un evento que cada ano marca, a finais de xullo, o preámbulo das grandes celebracións adicadas á Virxe do Mar que terán lugar en agosto. Serán días cunha axenda chea de actividades culturais e deportivas, na que tamén está o acto institucional da corporación municipal polo Día de Galicia, que será o sábado ás 12.00h na praza do Concello.

O programa das Festas de Santa Ana, organizado polo Concello de Cedeira, comeza o sábado 25 cunha verbena na praza Roxa, a partir das 22.30h, que estará amenizada polo Grupo Eric Hidalgo Prime. O domingo, festividade de Santa Ana, celebrarase a misa cantada pola coral Virxe do Mar, ás 12.00h, e a procesión polas rúas da vila a continuación, acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Esta formación ofrecerá despois un concerto na praza Roxa, a partir das 13.30h. Pola noite, ás 22.30h, verbena a cago do Grupo Atenas.

Ademáis destas celebracións patronais, a praza do Floreal acollerá durante toda a fin de semana os partidos do torneo 3×3 Cedeira Basket, un evento que comezará xa na tarde do xoves cos primeiros partidos. Ainda que o club local conta esta como a quinta edición, esta é unha cita clásica no verán de Ferrolterra, que desaparecera durante uns anos e que volveu a partir de 2022. Hai 59 equipos inscritos, 33 deles senior, 15 infantís, 6 mini e 3 de premini, e un programa que ademais dos partidos abrangue concertos e atractivos gastronómicos. Haberá postos de venda de bocadillos e bebidas, así como churrasco o sábado e paella o domingo. Porá música o DJ Wizar o venres, mentres que o sábado haberá sesión vermú e actuación nocturna do grupo local Pechabares e o domingo, a sesión vermú estará amenizada por Los Limones.

Por outra banda, este venres día 24, hai unha nova cita co ciclo de cinema Mestre Mateo no Auditorio Municipal. Ás 21.30h pasarase a película “Antes de nós”, que se achega á relación de Castelao e Virxinia Pereira e os momentos clave que marcaron a súa vida de parella. A entrada será gratuíta.

No mesmo Auditorio Municipal, o sábado 25 ás 20.30h terá lugar o XXXVI Festival de Corais “Vila de Cedeira”, organizado pola sociedade artística Eixil. Xunto coa formación antitroa, actuarán a coral Areosa de Piñeiros (Narón) e Saúde Coral (A Coruña).

Tamén durante o festivo do 25 de xullo, sábado, terá lugar un Encontro Artesán ao londo de toda a xornada, con postos situados polo paseo da Mariña. A animación intensificarase pola tarde, coa actuación de Buxainas pola rúa, e tamén cunha sesión de “micro aberto” no Café Bar Pinzón no que están previstas actuacións de artistas locais, entre as 18.00 e as 20.00h.

Back to top