O CASTELO DA CONCEPCIÓN DE CEDEIRA ABRE UN VERÁN MÁIS, REFORZANDO O ATRACTIVO DA PENÍNSULA DO SARRIDAL
O Concello de Cedeira abre desde hoxe as portas do Castelo da Concepción, o “fortín” que domina a península do Sarridal e que foi construído na segunda metade do século XVIII para defender á poboación dos ataques da flota inglesa. No seu interior hai un centro de interpretación sobre a historia de Cedeira e do propio castelo, así como unha serie de paneis e pezas do xacemento castrexo que está a poucos metros.
A visita é gratuíta e o horario de apertura é de luns a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00h, así como os sábados de 10.00 a 13.30h. O Castelo da Concepción dá testemuño do interese defensivo que historicamente tivo a península do Sarridal e constitúe un dos atractivos que se atopan concentrados neste enclave, entre os que destaca o importante xacemento arqueolóxico, as cetarias rehabilitadas hai poucos anos, a cala das Sonreiras ou o mirador desde o que se domina toda a ría. A ruta máis doada para acceder ao fortín, ao igual que para ir visitar o xacemento, é subindo a pé polas escaleiras que están ao final do porto.
A Oficina de Turismo de Cedeira, situada no Palacete Municipal, abre de luns a venres, de 09.00 a 13.30h e de 17.00 A 19.00h, e os sábados de 09.30 a 13.00h. No mesmo edificio da avenida Castelao está o Museo Terras de Cedeira, coa exposición que agrupa as pezas reunidas polo cronista oficial da vila, Rafael Usero, a través das que é posible pescudar a historia do territorio.
Cómpre recordar que ao longo do verán, o Concello promove unha serie de paseos guiados cada semana, co guía Sergio Muíño, gratuítos para todas as persoas interesadas. Para este xoves, día 23, está previsto o percorrido pola “Cedeira Mariñeira”, a partir das 18.00, e para o vindeiro xoves, día 30, programouse unha visita aos museos Terras de Cedeira e Mares. É preciso reservar praza a través da páxina www.eufundevivo.com.