O CONCELLO DE CEDEIRA ORGANIZA UN OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA ADICADO A BEGOÑA CAAMAÑO
O Concello de Cedeira promove un novo obradoiro de escrita creativa, desta volta con motivo do Día das Letras Galegas e adicado á escritora Begoña Caamaño. Está aberto xa o prazo de inscrición para apuntarse no curso, que se vai desenvolver en tres sesións de dúas horas cada unha nas tardes dos días 19 e 26 de maio, e 2 de xuño, na biblioteca municipal López Cortón. É unha actividade máis no programa impulsado pola Concellería de Cultura durante os meses de abril e maio, co gallo do Día do Libro e das Letras Galegas.
O obradoiro leva por título “Reescribir o pasado, empoderar o futuro” e vai render homenaxe a Begoña Caamaño e á súa obra, na que destaca o seu firme compromiso cunha mirada feminista, crítica, empoderada e transformadora da literatura. A actividade vai ser impartida por Ánxela Lema e Sara Villar, coautoras do poemario “Ex-céntricas”, tomando como punto de partida o universo narrativo de Caamaño e a súa revisión desde unha perspectiva de xénero.
No curso invitarase ás persoas participantes a reinterpretar mitos clásicos desde ópticas contemporáneas e dando voz a personaxes e historias que tradicionalmente ficaron á marxe. A metodoloxía combinará a análise literaria e a práctica creativa, empregando a escrita como unha ferramenta de pensamento crítico e transformación social.
As persoas interesadas poden inscribirse na Biblioteca Municipal López Cortón.