Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

“BERENGUELA NA GAIOLA CHEGA A CEDEIRA ESTE SÁBADO CON DOUS PREMIOS MARÍA CASARES BAIXO O BRAZO

O Concello de Cedeira programou para este sábado no Auditorio Municipal a obra “Berenguela na Gaiola”, unha peza divertida e emotica, dirixida para o público familiar, que vén de recibir onte mesmo dous premios María Casares, o de mellor espectáculo infantil e o de mellor adaptación. Con anterioridade, a montaxe xa gañara o certame Manuel María de proxecto teatrais. A obra é unha coprodución de Xarope Tulú e Galeatro, co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT). A representación será o sábado 11 ás 19.00h e a entrada, ao prezo de 2,5€, estará á venda na billeteira desde unha hora antes.

Berenguela é unha anciá que vive nunha residencia da terceira idade da que fuxe sempre que pode co devezo de regresar á súa aldea. A peza comeza despois dunha destas escapadas, canto a traen de volta rosmando e fungando. A súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. A galardoada peza está baseada na obra de Manuel María “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela” e dirixida por Paula Carballeira.

Na axenda desta fin de semana en Cedeira destaca tamén o primeiro recital do ciclo “Concertos de Primavera” que ten programado a Banda de Música Vila de Cedeira para as mañás de catro sábados de abril e maio en diferentes espazos públicos da localidade. Este primeiro será no parque San Isidro, ás 12.30h, e os vindeiros están programados para o 25 de abril no Parque dos Patos; o 9 de maio na praza da Reitoral e o 25 de maio, con pasarrúas e concerto final na praza Floreal.

Cómpre recordar que o domingo, ás 11.30h, o Auditorio Municipal acollerá unha charla do psicólogo e divulgador Alberto Soler sobre “Pantallas, redes e móbiles na infancia e na adolescencia”, organizada polo Concello de Cedeira.

Back to top