O CONCELLO INFORMA DE QUE SE VAN FACER REPARACIÓNS, A PARTIR DO LUNS, NO PAVIMENTO DO CASCO VELLO
O goberno municipal de Cedeira informa de que se van acometer a partir do luns unhas reparacións do pavimento do casco vello por parte da empresa que tamén ten encomendado o estudo das súas deficiencias. As continuadas choivas dos últimos meses impediron ambos traballos, tanto o arranxo das baldosas que están rotas ou levantadas e que precisan dunha intervención puntual, como a realización das probas, ensaios e catas que son precisas para determinar a mellor solución a longo prazo.
Infórmase de que a partir do luns estará limitado, por causa do inicio destas obras, a circulación rodada polo casco vello. Os traballos en principio van comezar polas rúas adxacentes da praza da Reitoral, polo que estará cortada a circulación pola rúa Santa María. Desde o Concello prégase á veciñanza que teña vehículos aparcados pola zona que os retiren antes de que se produza o inicio das obras.
O problema do deterioro do pavimento do casco vello, no que se levantan ou se afunden as baldosas, vén de moito tempo atrás. A obra orixinal foi nos anos 2009 -2010 e tres anos despois xa se estaba a reclamar unha reparación. Ao longo destes anos fixéronse diferentes intervencións e reparacións puntuais, como a que se vai facer agora. Pero a vontade do actual goberno municipal é procurar unha solución definitiva, de maneira que solicitou o citado estudo ao Centro Tecnolóxico do Granito.