Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PROCURA FONDOS FEADER PARA REHABILITAR OS LAVADOIROS DO BECO, MALDE E TIDE

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou solicitar solicitar financiación dos fondos Feader, a través do programa de Desenvolvemento Rural, para acometer o proxecto de rehabilitación dos lavadoioros do Beco, Malde e Tide. É unha actuación para a que o goberno municipal xa buscara o apoio do plan de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudios do Territorio, sen éxito. As obras teñen un orzamento de 43.435,09€ (IVE incluído).

O lavadoiro do Beco está na parroquia de San Cosme de Piñeiro e os outros dous na de Santa María de Régoa. Os tres presentan un estado avanzado de abandono e gran parte das súas estruturas están cubertas pola vexetación, coas súas canalizacións tupidas e mesmo sen auga nalgún caso. As obras incluirán limpar e rozar de maleza todas as construcións, así como a reparación das fendas e a sustitución dos elementos deteriorados, entre eles os caños.

As construcións do Beco e de Malde son fontes e lavadoiros, mentres que a de Tide é exclusivamente lavadoiro. En todos os casos son elementos singulares da arquitectura popular, testemuñas da vida social e os traballos cotiás doutros tempos, espazos importantes na memoria da veciñanza.

O goberno local de Cedeira avanzou chanzo a chanzo na última década neste programa de recuperación das fontes e lavadoiros, elementos moi importantes historicamente na vida da xente, espazos de encontro e tamén de traballo, que caeron no abandono. Apuntan desde o Concello que van acometendo as obras na medida na que chega a financiación precisa. Así realizáronse xa as obras de rehabilitación das fontes das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, da Barca, Vilar, Vila do Río, Penela e Peneiro.

Back to top