Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CINE E UN ESPECTÁCULO CÓMICO CON PERSPECTIVA DE XÉNERO, NA AXENDA CULTURAL DE CEDEIRA ESTA SEMANA

O Concello de Cedeira ten na axenda dúas citas este venres e o sábado no Auditorio Municipal. A primeira, o venres 20 ás 20.30h, é a proxección da curta “Adeus Berta” e un posterior coloquio co seu director, Fernando Tato. Ao día seguinte, ás 19.00h, será a quenda de “Sobria y Serena, el chou”, un espectáculo cómico e reivindicativo construído por Arantxa Treus e Jazmín Abuín a través de chistes, sketches, parodia e música, cun transfondo de perspectiva de xénero e crítica social.

A película “Adeus Berta” está rodada na Pobra do Caramiñal e conta a historia de Alicia, unha muller que chega á casa familiar tras a morte da súa nai para elixir a roupa que levará no velorio. Alí encóntrase coa súa irmá Berta, que acaba de saír do centro de rehabilitación onde estaba ingresada. A entrada será gratuíta.

Arantxa Treus e Jazmín Abuín, as dúas humoristas e promotoras de “Sobria y Serena, el chou”, defínense como “cómicas, actrices e amigas da alma”, que xuntan “forzas e risas para facer un percorrido polas nosas vidas e por todos eses elementos na sociedade, na educación e na cultura que nos convertiron nas mulleres que somos hoxe en día”.

“Sobria y Serena” é un espectáculo de sketches, parodias, monólogos, música e moitas cousas máis onde prima a risa, mesturada tamén cunha dose de perspectiva de xénero e unha pastilliña de crítica social. “Somos o dúo cómico Sobria e Serena, aínda que nunca estivemos “sobrias”, e moito menos “serenas” -din na presentación da función-; Sobriedade, serenidade, discreción, silencio, sacrificio… son esas cousas que sempre se agardaron das mulleres polo feito de ser mulleres. Por iso, somos moi conscientes de que se hoxe podemos subir a un escenario con un micrófono a rir a esgalla da vida e de nós mesmas e a falar do que nos da a gana é porque outras loitaron antes para abrirnos camiño. E por iso este show ten un espazo para a eterna gratitude ás nosas maiores.”

As entradas teñen un prezo de 5€ e poden reservarse de maneira anticipada no número 673 223 415 ou no correo electrónico lucia.picos@cedeira.gal.

Back to top