O CONCELLO DE CEDEIRA ACOMETERÁ A MELLORA DE 3,2KM DE CAMIÑOS RURAIS, CUN ORZAMENTO DE PRETO DE 81.500€
O goberno municipal de Cedeira vai acometer o arranxo de tres camiños da zona rural, que suman un percorrido de 3,2 quilómetros, con financiación municipal e tamén do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural que convoca e resolve, polo sistema de concorrencia non competitiva, a Consellería de Medio Rural. Os viais de Esteiro, Ervellás e Pontigas, o primeiro en San Fiz de Esteiro e os outros dous na parroquia de Regoa, están comprendidos neste proxecto, que ten un orzamento de 81.496,98€ (IVE incluído).
O camiño de Esteiro no que se vai actuar vai do lugar de Vilela ata o encontro doa estrada autonómica AC-566. Ten 800 metros de percorrido e un ancho medio de 3,5 metros. O de Ervellás, en Régoa, conecta o núcleo de vivendas do mesmo nome, ao pé da DP-2202, coa estrada autonómica AC-566. Ten 1.400 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,5 metros. O de Pontigas, por último, vai do núcleo do mesmo nome, na CP-2204, ata o vial provincial DP2205, e as obras, neste caso, van abranguer tamén dous ramais interiores. En total, a obra mellora un quilómetro de percorrido, tamén cun ancho medio de 3,5M.
Os tres viais teñen un firme deteriorado, con fochancas, de maneira que as obras van dirixidas a mellorar a superficie e a adherencia, e consecuentemente a seguridade vial para vehículos e peóns. Limparanse as gabias, instalaranse tubaxes ou pasos para salvar os foxos alí onde sexa preciso, rechearanse as fochancas e aplicarase un doble tratamento superficial na maior parte das vías, aínda que parte delas terán unha triple capa de asfalto para garantir a durabilidade da actuación.