O CONCELLO DE CEDEIRA PROXECTA TRANSFORMAR O LOCAL MUNICIPAL BAIXO A PRAZA DA REITORAL NUN ESPAZO MULTIUSOS
O goberno local de Cedeira ten en proxecto a rehabilitación e dinamización do local de titularidade municipal situado no soto na praza da Reitoral, un espazo que se proxectou como mercado en 2012 e que, na práctica, só é empregado como almacén por algunhas asociacións. Segundo explica o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello acaba de presentar a solicitude dunha axuda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que podería chegar a cubrir o 90% do orzamento previsto, de algo máis de 195.000€.
O proxecto é transformar o local actual, practicamente sen uso, no Centro Municipal de Innovación e Deporte, un espazo multiusos de dinamización deportiva, social e económica que contribuirá, destacou o alcalde, a dinamizar o casco antigo da localidade. Aproveitando a infraestrutura existente, que conta con preto de 225 metros cadrados útiles, o Concello dotarase dun centro cun gran espazo diáfano, de case 137m2, cunha zona para conferencias e outra para exposicións, ainda que admitirá diferentes configuracións. O local dotarase tamén de aseos, unha oficina e un almacén.
A obra de rehabilitación afectará ao interior do local, cuxa porta de acceso fai chaflán na confluencia das rúas Estrela e Santa María, que recibe luz e ventilación polas fachadas a ambas as dúas rúas e que capta tamén iluminación dunha cúpula piramidal situada sobre a praza da Reitoral. O proxecto técnico desta intervención xa está redactado e entregado xunto coa solicitude da subvención ao Ministerio.
O programa de actuacións conleva un gasto de 195.450€ a executar en dous anos. Abrangue a obra de rehabilitación do citado local -95.000€-, así como a contratación dunha técnica municipal que se encargará da dinamización do espazo e da atención directa ás persoas usuarias. Prestaranse servizos de orientación e acompañamento deportivo, asesoramento para o emprendemento no sector deportivo, organización de accións formativas, eventos e actividades e un programa de impulso ás mulleres deportistas.
O novo Centro Municipal de Innovación e Deporte será un apoio para os e as deportistas que queiran obter becas en España ou noutros países, ou xestionar patrocinios privados e procurar programas de estudo ou de prácticas profesionais. Estará dentro dos seus obxetivos tamén respaldar os proxectos de emprendemento no deporte e as accións formativas dirixidas a directivos e adestradores dos clubes.
Moreda Gil destaca que o proxecto encaixa na convocatoria de axudas do Ministerio e que permitirá recuperar e dinamizar un espazo en desuso, situado no casco vello da vila, e que forma parte do patrimonio municipal. Ainda que o espazo poderá prestarse a diferentes actividades, a súa vocación é a de apuntalar a vocación deportiva de Cedeira e ser útil a clubes e deportistas, especialmente ás mulleres, para desenvolverse neste eido. Despois dos dous anos de execución do proxecto, o Centro Municipal de Innovación e Deporte quedará integrado na estrutura municipal do Concello e funcionará con recursos municipais.