DOBLE CITA CO TEATRO ESTA SEMANA NO AUDITORIO DE CEDEIRA
Cedeira ten unha doble cita co teatro esta semana. Este venres comeza a cuarta edición do ciclo “Fusa Guillén” de teatro amador coa actuación do grupo da Asociación Cultural Terra de Outes e ao día seguinte, o sábado 31, Talía Teatro porá en escena a peza “Un Deus salvaxe”. As dúas funcións serán no Auditorio Municipal, a primeira con entrada de balde ás 20.30h e a segunda, coas localidades a 3,50€, ás 20.00h.
“O doente imaxinario… daquela maneira” é o título da obra que vai representar o grupo de Outes, tomando como base o clásico de Molière. É unha comedia de enredo na que Don Crisanto, un rico criador de gando bovino moi hipocondríaco, ten a oportunidade de casar a súa filla con Florencio Carneiro, criador de gando ovino e recén licenciado en medicina. O conflito xurde porque ela non quere casar e a trama vaise complicando coas intervencións da súa segunda muller, da criada, do notario, do boticario… nun enredo con moitos fíos dos que tirar.
A actuación deste venres abre o ciclo de representacións do certame “Fusa Guillén”, unha iniciativa do Concello de Cedeira para apoiar o teatro afeccionado ao tempo que homenaxea a muller que tanto o impulsou na propia localidade e que foi tamén unha destacada dinamizora da vida cultural noutros eidos. Así, a través dun concurso seleccionouse aos tres grupos participantes: xunto ao devandito de Outes, o ferrolán Opaí Teatro, e o de Ortigueira O Bicho da Barra, que actuarán os días 6 e 13 de febreiro.
A compañía profesional Talía Teatro actuará o sábado. María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ledo e Toño Casas interpretan, baixo a dirección de Artur Trillo, a dúas parellas que se reúnen para resolver o conflito xurdido entre os seus fillos, que protagonizaron unha pelexa con perda de dentes incluída. “Un Deus salvaxe” é unha obra da dramaturga francesa Yasmina Reza na que se retrata con humor a sociedade actual. A educación, a competitividade, as relacións de parella e o exceso de corrección política son as cuestións sobre as que xira esta peza de éxito internacional que tamén foi levada ao cine por Roman Polanski. A veterá compañía Talía estreou a versión galega da peza en febreiro do pasado ano.
O Concello de Cedeira ten aberta a reserva de localidades para “Un Deus salvaxe”. As persoas interesadas poden solicitar entradas por Whatsapp, no número de teléfono 649 876 614, ou ben enviar un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal. A venda na billeteira do Auditorio funcionará desde unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo das entradas é de 3,50€.