Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA IMPULSOU OBRADOIROS DE EDUCACIÓN SEXUAL NO COLEXIO E NO INSTITUTO LOCAIS

O Concello de Cedeira promoveu recentemente, a través da Concellería de Igualdade, uns obradoiros de educación sexual nos centros educativos do municipio. Con financiación do Pacto de Estado contra a Violencia, a actividade chegou en diferentes sesións ao alumnado de terceiro a sexto de Primaria do CEIP Nicolás do Río e a todos os rapaces e rapazas de Secundaria e FP do IES Punta Candieira, así como ao profesorado noutros obradoiros específicos. As expertas en xénero Priscila Retamozo e Cristina Louzán foron as responsables de impartir estes talleres, que tiveron o pasado venres o complemento da presentación do seu libro “Las trampas de la pornografía. La sexualidad que deseamos”, nun acto público aberto ás familias.

Retamozo e Louzán forman “Prisma”, unha consultora adicada a proporcionar a entidades e comunidades educativas ferramentas e estratexias para construír espazos igualitarios e contribuír a transformar a sociedade. Nos obradoiros que impartiron en Cedeira abordaron a preocupante realidade coa que convive a rapazada actualmente, a miudo a través dun temperá contacto coa pornografía, na que atopan modelos e discursos que alimentan a desigualdade e a violencia sexual.

A través das actividades promovidas desde o Concello, as expertas puideron traballar, tanto con docentes como co alumnado, nos elementos de socialización. As actividades enfocáronse a promover unha educación sexual baseada en valores e diálogo, así como no fomento de relacións sás, para desenvolver unha sexualidade equilibrada, na que se practica a empatía e o respecto aos límites.

Unha das formadoras, Priscila Retamozo, estivo o pasado venres presentando o libro “Las trampas da pornografía. La sexualidad que deseamos” na Biblioteca Municipal, nun acto no que participaron tamén a coautora do libro, Amada Traba -a terceira, Chis Oliveira, non puido asistir- e a concelleira de Igualdade, Lucía Picos, quen destacou que a cita foi unha oportunidade para ofrecer tamén ás familias ferramentas e información para repensar a educación sexual que ofrecemos, cando a pornografía parece terse imposto como a principal escola que ensina a deshumanizar os corpos e erotiza a violencia. O libro está a disposición do público no Punto Lila da Biblioteca Municipal.

A educación sexual foi obxecto tamén doutras actividades promovidas desde o Concello de Cedeira nos centros educativos nos dous cursos lectivos pasados.

Back to top