Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ESTREA ABSOLUTA DE BALCÓN TEATRO E A SÚA PRODUCIÓN “CINZAS ÁS CINZAS” O VINDEIRO SÁBADO EN CEDEIRA

O Auditorio de Cedeira acollerá o vindeiro día 24, ás 20.00h, a estrea de “Cinzas ás cinzas”, a primeira produción da compañía O Balcón Teatro. Alex Rocha, Sandra Martínez, Uxía Muíño e Nelu Vermouth conforman este novo grupo, que contou coa colaboración do Concello de Cedeira para ter un mes de residencia artística no escenario no que o vindeiro sábado farán o seu debut. As entradas custan 2,5€ e poden reservarse por Whatsapp -no número 649 876 614- e na billeteira desde unha hora antes.

“Cinzas ás cinzas” é a historia dun crime, unha reflexión sobre a paixón que a sociedade actual sente polo true crime e pola delgada liña que separa o interese do morbo. A peza está dirixida por Alex Rocha e interpretada por Sandra Martínez, Uxía Muíño e Nelu Vermouth, todos de Narón e vencellados pola Escola de Teatro ou a Banda de Gaitas deste municipio. É a historia dun asasinato nun piso compartido. Nese espazo desenvólvese a acción, que ten outros niveis narrativos na televisión ou na comisaría e que conta co público como xuíz.

O mes de decembro foi intenso para O Balcón Teatro, que grazas á colaboración do Concello de Cedeira puido contar co escenario do Auditorio para realizar ensaios coa iluminación e outros elementos importantes cara á montaxe final. Nelu Vermouth agradece o apoio e resalta a facilidade que atoparon na localidade, coa que os compoñentes da compañía manteñen lazos familiares e mesmo de traballo. “Cedeira é pequena pero matona no eido cultural”, di o actor, que recorda que a primeira intención da compañía foi representar “Crimen perfecto” de Frederick Knott, a historia que levou ao cine Alfred Hitchcock, pero que cuestións de dereitos e outras dificultades levaron ao grupo a crear a súa propia peza.

O venres 23, O Balcón Teatro fará tamén un pase da obra para o alumnado do IES Punta Candieira, toda unha experiencia que a compañía asume como outro reto máis.

Back to top