Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS REIS MAGOS CHEGARÁN O PRÓXIMO MARTES PUNTUAIS AO ENCONTRO COS NENOS E NENAS DE CEDEIRA

Os Reis Magos de Oriente chegarán puntuais ao encontro cos nenos e nenas de Cedeira o vindeiro luns, día 5, na véspera da noite máxica na que adoitan repartir agasallos. Melchor, Gaspar e Baltasar teñen previsto cumprir co programa habitual na vila: percorrido polo casco urbano, recepción para recoller en persoa as últimas cartas da cativada e merendola e festa familiar nas instalacións do colexio Nicolás do Río, con roscón de Reis e chocolate.

Cada un dos tres Reis irá na súa carroza e a comitiva partirá ás 18.00h da CEIP Nicolás do Río. Na mesma colaboran Mulleres da Vila, Aturuxeiras, a ANPA Picapeixe, a asociación Buxainas e Protección Civil e o percorrido previsto irá polo Camiño Real da Madalena, a rúa San Sadurniño e a Avenida Castelao, para dar logo a volta ás pontes sobre o río Curuxeiras, entrando por un e avanzando pola rúa Ezequiel López para saír logo polo outro e dirixirse despois ao Auditorio Municipal. Alí será a recepción, segundo a previsión a partir das 18.30h, para os nenos e nenas que queiran achegarse. Ás 19.00h comezará nas instalacións do Nicolás do Río unha festa infantil, na que haberá inchables para a cativada, así como unha chocolatada e roscón de Reis.

Desde o Concello apuntan que a meteoroloxía podería obrigar a recortar o percorrido da cabalgata ou, en último caso, a suspendela. Nese caso Melchor, Gaspar e Baltasar irían directamente ao Auditorio e despois á festa no colexio.

Para o vindeiro martes, véspera do festivo do Reis Magos, o Concello programa outra verbena nocturna na praza Roxa. Alí actuará, baixo carpa, a orquestra Origen a partir das 23.30h, con entrada libre para toda a veciñanza que queira participar. Cabe apuntar que a verbena de fin de ano foi un éxito, malia o frío, e a carpa estivo chea de xente bailando.

O programa de Nadal do Concello de Cedeira prosegue durante estes días coas atraccións de balde no Polideportivo Municipal, que un ano máis está a rexistra unha alta afluencia, especialmente nas tardes con peor tempo. Hoxe día 2, de novo de 16.30 a 20.30h, as instalacións estará abertas con inchables e obradoiros. Ao igual que o pasado día 30, a oferta lúdica incorporará as batallas con Laser Tag Experience. Mañá e pasado, sábado e domingo días 3 e 4 de xaneiro, será a quenda do Interactive Dance Mets, cunha pantalla conectada á unha alfombra na que os xogadores teñen que bailar e facer os movementos propostos, competindo entre todos os participantes. Nestes dous días, os últimos deste parque de xogos no Polideportivo, o cartel inclúe tamén un circuíto para manexar vehículos por radiocontrol.

Back to top