Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA INFORMA DO CONVENIO COA DEPUTACIÓN E OUTRAS NOVAS NO BOLETÍN AS7PARROQUIAS

O Concello de Cedeira publicou un novo número, o 31, do boletín de información municipal As7Parroquias, que pode consultarse na web e que tamén se reparte en papel polos locais veciñais e sociais do municipio. A publicación dá conta da recente sinatura do convenio coa Deputación Provincial para financiar a ampliación da piscina municipal, así como da concesión do título de “Cidade Amiga da Infancia” por parte de Unicef.

Nas páxinas do boletín está tamén a licitación das obras do futuro Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE) e a recente instalación de sensores e pantallas na piscina municipal, que xa está conectada á rede intelixente da Federación Española de Natación. Informa a publicación tamén da concesión de axudas a entidades deportivas e culturais, dúas convocatorias que suman 120.000€. A publicación do concurso das obras de mellora dos parques de xogos situados na zona de San Isidro está tamén na revista municipal, na que se da conta das obras que se realizaron ou están en curso en pistas municipais e rúas do casco urbano.

A participación ocupa un espazo destacado no boletín, xa que recolle o proceso de diálogo e escoita activa posto en marcha coas parroquias da zona rural, así como a creación do Consello Sectorial de Memoria Democrática e o avance nos novos Orzamentos Participativos. A concesión do título de “Cidade Amiga da Infancia” é consecuencia tamén das políticas de participación postas en marcha polo Concello de Cedeira, concretamente cos menores, e marca un camiño para avanzar na mesma liña.

Informa As7Parroquias tamén da negociación que levou a cabo o Concello de Cedeira coa empresa propietaria de tres parques eólicos instalados na Capelada desde os anos 90. Como consecuencia destas conversas, modificáronse os termos dos contratos de maneira que o Concello recibe desde este ano unha contía maior polo canon anual. Cedeira recibe 200.140€ en lugar dos 130.246€ que estaban establecidos antes, case 70.000€ máis, e garante o seu dereito a renovar ou non de ano en ano. Achega tamén o boletín a información sobre o buzón de queixas creado polo Concello para reunir información sobre as moitas incidencias que se producen nos autobuses de liña regulares, coa intención de reclamar á Xunta de Galicia, quen ten as competencias na materia.

As actividades e xogos que se desenvolven un ano máis no Polideportivo Municipal completan a publicación, que pecha cunha contraportada adicada ao tecido empresarial local e ao sorteo que organizan un Nadal máis.

Pódese descargar o Boletín na seguinte ligazón:

VER PDF Boletín As 7Parroquias nº31 (Decembro 2025)

Back to top