Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO TRAMITA AXUDAS DE CATRO PROGRAMAS PROVINCIAIS PARA CONTRATAR PERSOAS DESEMPREGADAS

O goberno municipal de Cedeira está a tramitar diferentes solicitudes diante da Deputación da Coruña, a maior parte delas dirixidas a subvencionar a contratación de persoas desempregadas. Os custos laborais das dez contratacións que se van facer ascenden a 127.703€ e o Concello aspira a obter, a través dos diferentes programas provinciais, ata 87.498€ de axudas.

Un dos programas ao que se acolle o Concello de Cedeira é o chamado PEL Concellos, a través do cal se prevé contratar a tres peóns/peoas e un limpador/a a xornada completa durante seis meses. O custo total destes empregos é 52.809,49€ e a axuda provincial alcanzaría os 46.000€.

Tamén concurre Cedeira ao programa provincial dirixido a apoiar a contratación de persoal de limpeza das praias durante o verán. Neste caso, o municipio presenta unha previsión de gasto de 16.498,74€ para a contratación de tres persoas durante os meses de xullo, agosto e setembro, a media xornada. A subvención pode chegar ao 100%.

Para a contratación dunha persoa para a atención da Oficina de Turismo tamén solicita o Concello de Cedeira a axuda da Deputación. O custo dun contrato a xornada completa durante un ano é de 40.247,89€ e a subvención máxima sería de 20.000€.
Outro programa é para a contratación dun técnico/a deportivo durante seis meses, con xornada completa. Neste caso, a axuda provincial cubriría 5.000 dos 18.147,58€ que supón o emprego.

Xunto coa tramitación das solicitudes para estes catro programas da Deputación da Coruña, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén cursar unha solicitude á convocatoria publicada polo mesmo organismo provincial para impulsar o desenvolvemento de actividades de loita contra a soidade non desexada. Neste caso, o Concello de Cedeira solicita unha axuda de 7.000€ para cofinanciar un programa de envellecemento activo, con obradoiros de memoria e estimulación cognitiva que ten un orzamento de 12.179€.

Back to top