O PLENO APROBOU A MODIFICACIÓN DOS CONTRATOS DE TRES PARQUES EÓLICOS DOS 90, SUBÍNDOLLES EN PRETO DE 70.000€ O CANON ANUAL
O pleno da corporación do Concello de Cedeira aprobou na reunión ordinaria de novembro celebrada a pasada semana a modificación dos contratos de tres parques eólicos situados desde os anos 90 na Capelada. O goberno municipal negociou coa actual propietaria a suba do canon que pagan anualmente á administración local, chegando ao acordo de que ingresarán a partir deste ano un total de 200.140€, en lugar dos 130.246€ que percibía. Os novos contratos garanten tamén ao Concello o dereito a renovar, ou non, ano a ano.
En dous casos, os contratos orixinais daban a ambas as dúas partes, a empresa e o Concello, o dereito a renovar ou non, pero noutro esta decisión quedaba exclusivamente en mans da empresa titular das instalacións. Co cambio dos contratos, o Concello terá na súa man asinar a renovación de cada parte ano a ano, ou suspender a autorización. En todos os casos, os cambios entran en vigor con efectos retroactivos desde este ano 2025, de maneira que a administración local percibirá xa neste exercicio os 69.893,74€ máis que se acordaron como contraprestación.
O parque máis antigo é o denominado “A Capelada”, que se asinou no ano 1995 por 20 anos, prorrogables por períodos sucesivos de cinco, neste caso por decisión exclusiva da empresa. Está dividido nos parques eólicos A Capela I e II, que aboaban un canon de 25.623,82 e 27.131,09€. Pasan agora, co novo contrato que asinan o Concello e a actual propietaria, Enel Green, a pagar 39.401 e 41.664€, un total de 81.065 máis. O acordo renovarase ano a ano, se así o queren ambas as dúas partes.
Modificouse tamén no mesmo pleno o parque eólico Os Corvos, cuxo contrato ser estableceu no ano 1998, para 30 anos, renovables por catro períodos de 5 anos cada un sempre que ningunha das partes o rexeitara. A compañía Enel Green, propietaria actual, aceptou renovar o contrato ano a ano, durante un período de cinco anos, por 53.318€ anuais, 18.659,98€ máis que os 34.667,02€ de canon anual que ingresaba ata o de agora.
O outro é o parque eólico de Coucepenido, aprobado en 1998 tamén para 30 anos prorrogables por catro períodos sucesivos de cinco anos. Igualmente, Enel Green é a propietaria e aceptou renovar ano a ano por un período de 5 anos cunha compensación económica para o Concello de 65.757€ anuais, fronte aos 42.824,38€ actuais.